Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Falan de "agravio comparativo"

Alumnos das EOI din que os novos CELGA facilitarán "o gastrapo como lingua oficial"

Rexeitan a equiparación do Certificado de Nivel Avanzado das Escolas Oficiais de Idiomas co da ESO. Velaquí a súa análise.

Alumnos da EOI de Pontevedra - 11:15 31/10/2007
Tags: CELGA EOI

Á beira poder ver a táboa de equivalencias dos novos certificados de lingua galega (CELGA). Á dereita, a proposta de equivalencias do ensino da lingua galega nas EOI, a día de hoxe pendente de aprobación e correspondente publicación no DOG.



Cursiños (75 horas) EOI – Plan antigo (a extinguir) EOI – plan novo(proposta)
CELGA 1
CELGA 1
Nivel Básico
CELGA 2


Nivel Intermedio
CELGA 3 ESO / FP1
Ciclo Inicial Nivel Avanzado
CELGA 4 BACHARELATO CELGA 4

CELGA 5 Filoloxía
Ciclo Superior

  • Os alumnos do plan vello rematarán os estudos cun nivel CELGA 5. Ós que este ano nos tocou o plan novo remataremos galego cun nivel CELGA 3. Se non se rebaixan os contidos, semella unha inxustiza que, dun ano para o outro, nos baixen dúas categorías.

  • Segundo o plantexan, aqueles que rematen o grao superior de galego na EOI terán un nivel de lingua de ESO. Moitos dos alumnos somos docentes. Así pois, aqueles mestres que rematen 6º na EOI, a Xunta concederalles o mesmo nivel (CELGA 3) que ós seus alumnos. Peor o teñen os profesores de ensino secundario, que non poderán acadar o nivel dos seus (CELGA 4).

  • Nestas equivalencias, o cursiño de perfeccionamento (agora CELGA 4) de 75 horas ten máis valor que rematar o Ciclo Superior de galego.

Coa primeira parte da táboa (xa aprobada e publicada no DOG do 30 de Xullo) parece evidente que este goberno segue a mesma política de normalización lingüística que o anterior executivo:
non fai falla estudar galego, o galego é moi sinxelo e calquera pode falalo con asistir a un cursiño, un mero trámite administrativo con tantos aprobados como inscritos. Con ese cursiño acadas o nivel máis alto de coñecemento do galego (CELGA 4), agás licenciados en filoloxía galega. É, de feito, o recoñecemento do gastrapo como lingua oficial.

Coa última columna, as validacións do novo plan das EOI, semella que o goberno quere castigar a aqueles profesionais que estudan galego, devalorizando o seu título. Se o Certificado de Nivel Avanzado (antigo Ciclo Superior) da EOI equivale ó da ESO, ningún alumno terá necesidade de estar anos estudando para obter un nivel que xa se lle supón. As clases de galego quedarán valeiras ou quedarán só os alumnos que queiran aprender galego aínda que iso non supoña ningún recoñecemento pola administración do seu verdadeiro nivel de lingua.

A fantasiosa relación de avaliacións que propón a Secretaría Xeral de Política Lingüística, supón un ataque directo ó ensino do galego nas EOI, unha ofensa ós seus formadores e un desprezo por aqueles que estamos dedicando parte do noso tempo en acadar un nivel superior de coñecemento do galego.

Este desatino ten unha base: considerar o galego como lingua estranxeira en Galicia. Suponse que os alumnos doutros idiomas, ó rematar o ciclo superior, teñen un nivel B2 asimilable con outros diplomas europeos. Pero a gran burla é considerar ó galego como un idioma estranxeiro. Segundo o seu “razoamento”, ó rematar o Ciclo Superior teríamos a mesma competencia lingüística en galego que si estudáramos inglés, alemán ou francés.

Parece evidente que as accións deste goberno seguen o camiño de desprestixio da lingua e a política de cursiños de sempre. Unha mentira compartida que considera a competencia en galego como un trámite administrativo, desprezando o dereito dos galegofalantes a que a administración (¡o ensino!) se dirixa a eles facendo un uso correcto e con propiedade do galego.

Rematando: equiparar o noso nivel cos alumnos da ESO é unha burla, unha mentira empíricamente refutábel. A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere elevar unha mentira a rango de lei, quere institucionalizar unha inxustiza.
Os alumnos de galego das EOI reclamamos á Secretaría Xeral de Política Lingüística que non minta, que estude os niveis reais de coñecemento da lingua e asigne a cada un o que lle corresponde en xustiza.

A desconformidade entre as ideas e a realidade, ou é fantasía, ou é erro, ou é mentira. Non fagamos lei da fantasía, o erro ou a mentira.


4.48/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: