Aínda que dende o partido recoñecen a remota posibilidade de conseguir representación, coidan que axudaría a consolidar o proxecto.
A loita por ocupar o espazo do chamado “centro galeguista” prosegue. A formación Terra Galega continúa loitando para ter unha presenza estábel en todas as comarcas do país. Para esta tarefa o partido que lideran entre outros Pablo Padín, Xoán Gato e Xosé Posada quere integrar á maior parte das candidaturas independentes que hai por toda Galiza.
Mentres tanto, en TEGA cada vez hai máis voces que apostan por presentarse ás eleccións ao Congreso que se celebrarán o vindeiro mes de marzo. O propio presidente da formación, Pablo Padín, explicáballe a Vieiros que el é tamén partidario desta posibilidade. Aínda que a obtención dun representante é practicamente imposíbel, moitos militantes coidan que é un bo xeito de seguir a espallar o proxecto político. O principal problema son os recursos económicos para afrontar a campaña.
Carlos Marcos, cada vez máis preto
Terra Galega cre que é prioritario consolidar agrupacións nas cidades da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Lugo. Hai xa case un mes comezaron os contactos co controvertido candidato do PG na cidade herculina, Carlos Marcos, e semella que os mesmos están moi avanzados. De feito, o propio Padín aseguraba que Marcos “é unha persoa con ganas na política” e subliñaba que “seguramente con nós estaría máis cómodo”.
Precisamente, tal e como informaba Vieiros o pasado día 19, candidatos como Marcos causaron fortes tensións internas no PG. Un sector desta formación acusaba ao líder do partido, Manoel Soto, de non facer ningún tipo de peneira á hora de “fichar” xente como Marcos, que se negou a empregar o galego durante toda a súa campaña.