Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XESTIÓN DE RESIDUOS

Sogama: Crónica dun malgasto

A Sociedade Galega de Medio Ambiente entra no quirófano, atrás quedan demasiados anos marcados pola improvisación e o desbaldimento de fondos públicos.

Redacción - 13:26 02/11/2007
Tags: Sogama
A Xunta aprobou Sogama en 1992

A Xunta aprobou Sogama en 1992

Quince anos despois de que se constituíra a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), a Xunta comeza a variar o rumbo político da xestión de residuos. O modelo do anterior executivo revelouse ineficaz case dende o seu nacemento. Porén, o bipartito aínda tardou dous anos en ter claro o que quería facer. O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, presentou en outubro unha alternativa: Menos incineración e máis compostaxe. O terceiro eixo, non menos importante, é lograr que diminúa o volume de residuos que xeramos. Esta é unha estratexia mellor.

O conselleiro socialista tardou moito, é certo, en anunciar que Sogama ía entrar no quirófano. Agora ben, tamén é xusto recoñecerlle ao novo Goberno a súa disposición a abrir un debate social. O borrador do novo plan está a ser discutido polas empresas do sector e polos principais colectivos ecoloxistas do país.

Hai quince anos nacía Sogama e o executivo Fraga falaba con fachenda da “esperanza verde” que supoñía para a xestión de residuos. Os erros foron continuos e axiña se comprobou que o modelo centralizado en Cerceda era un auténtico caos: á planta de tratamento chegaba o dobre de lixo do que era posíbel tratar. Milleiros de toneladas de residuos movéronse por todo o país para acabar depositados nun macrovertedoiro incontrolado; A Areosa acabou sendo un dos máis grandes de Europa e un auténtica dor de cabeza dende o punto de vista ambiental.

Mais en Sogama houbo de todo menos unha xestión transparente. O último informe do Consello de Contas debullaba un panorama inquedante. Centos de millóns de euros alimentaron un monstro que non daba solucións. O silencio mediático foi norma xeral e tan só os ecoloxistas alertaban de que algo “cheiraba a podre”. Agora que lamentamos as inxentes cantidades de euros que tragou a Cidade da Cultura, non estaría mal recordar que non foi, nin moito menos, o único caso. Quizais a mellor vacina para non volver repetir estes erros é pensar as cousas dúas veces e, sobre todo, escoitar a todos os axentes sociais antes de guindarnos ao baleiro.


4.73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: