Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CINCO ANOS DESPOIS

Quintana aproveita o aniversario Prestige para demandar competencias en seguridade marítima

O vicepresidente da Xunta e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentaron as actividades que lembrarán o acontecido.

Redacción - 17:35 02/11/2007

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, lembrou este venres que o Estado ten unha “débeda histórica” pendente co noso país: O traspaso de competencias en materia de seguridade marítima. Quintana fixo a reflexión na presentación dos actos conmemorativos do quinto aniversario do Prestige. O político nacionalista subliñou que a transferencia é “tan precisa como urxente”. Quintana tamén dixo que “Galiza quere ter voz e que o goberno estatal se exprese contundentemente nos foros internacionais para demandar estritas medidas de seguranza no corredor marítimo do Atlántico”.

No acto de presentación, Quintana, que estivo acompañado do director xeral de Xuventude, Rubén Cela, asegurou que o quinto aniversario do afundimento, que se celebra o vindeiro día 13, é unha ocasión para reiterar a gratitude ás xentes do mar, aos voluntarios e a Nunca Máis, “movemento de dignidade nacional e alento dunha cidadanía comprometida con Galiza e o seu futuro”.

Actividades

Rubén Cela presentou os actos arredor do aniversario do Prestige que terán como lema “Galiza no corazón”. O primeiro deles será un xantar-homenaxe no pavillón de Carnota. Ao mesmo están convidados representantes do voluntariado que axudou a loitar contra o fuel.

O día 11 de novembro, na Ría de Arousa, está prevista unha Marcha Marítima cunha selección de embarcacións representativas da zona a modo de lembranza da saída que fixeron os mariñeiros para deter a entrada de chapapote no ano 2002

O martes 13 de novembro presentarase un libro conmemorativo do voluntariado. Esa mesma xornada haberá unha conferencia que terá como título “Voluntarios da dignidade” e que pronunciarán o vicepresidente da Xunta e o Premio Nóbel Adolfo Pérez Esquivel.

Ademais haberá un concerto solidario no Multiusos Fonte do Sar e celebrarase a Gala de premios “Á solidariedade en Galiza”, que será retransmitida pola TVG o 5 de decembro, coincidindo co Día do Voluntariado.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: