Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O terrorismo de xénero deixa en Guatemala 300 mortes en só seis meses

O Estado lexitima os asasinatos de mulleres neste país de Centroamérica que aínda vive as consecuencias da posguerra, entre elas, esta brutal estratexia de somentemento.

Lara Rozados - 12:34 07/11/2007

Máis de 3.500 mulleres foron asasinadas nos últimos cinco anos: as centroamericanas viven ameazadas polo feito de seren mulleres, nunha situación de risco e inseguridade constantes. Os delictos non son fortuítos, senón que responden a unha estratexia intimidatoria: amósase planificación, capacidade operativa, dominio do territorio e intención de emitir unha mensaxe (de ameaza). Non é delincuencia común, é terrorismo de xénero. E, con todo, non se tomaron medidas.

Mercedes Hernández, da Comisión de Dereitos Humanos Hispano-Guatemalteca (CDHHG), insiste en que para comprender a situación contextual, precisamos situarnos na posguerra que vive o triángulo norte de Centroamérica (El Salvador, Honduras e Guatemala). Xa durante os anos de conflito, o estatus das mulleres estaba anulado pola marxinación, froito do sistema de valores patriarcal: as mulleres estaban desamparadas por un réxime xurídico e social que non as protexía, senón que aínda as sometía máis.

O contexto

No 54, cando o goberno de esquerdas leixido democraticamente expropiou terreos que a multinacional United Fruit Company tiña en Guatemala, no marco da reforma agraria, a CIA, cuxo director estaba ligado á compañía, organizou un golpe militar: paralizouse a redistribución de terreos e xurdiron grupos guerrilleiros e unha campaña antiinsurxencia patrocinada polos EUA. No marco da guerra fría, os sucesivos gobernos estadounidenses achegaron axuda militar aos grupos de extrema dereita para protexeren os seus intereses.

Masacráronse comunidades enteiras de 'poboacións insurxentes', particularmente indíxenas maias. Durante a guerra interna, de 1960 a 1996, o movemento armado estaba en mans de homes, e as vítimas eran tamén homes, agás na rexión occidental, onde o terror foi masificado. Responsabilizábase aos homes do conflito, e cando estes fuxían ou se ocultaban, eran mulleres, nenos e anciáns quen vivía as represalias.

A cultura do sometemento

O conflito aumentou nos 70 e chegou ao punto máximo no 82, durante as campañas de "terra arrasada" do golpista militar Efraín Ríos Montt. Os homes foron as vítimas da violencia política, pero o terrorismo estatal foi (e seguen a ser) as mulleres: a violación como botín de guerra institucionalizouse dende o goberno: nas comunidades en que os homes fuxiron ou foron asasinados, as mulleres foron convertidas en escravas sexuais dos comandantes das Patrullas de Autodefensa Civil (PAC).

Na actualidade, hai hipóteses que atribúen a morte de mulleres á delincuencia común e ás maras (pandillas de rapaces), pero non se ten en conta o aspecto político, o fundamento da violencia contra as guatemaltecas. Minimízase este terrorismo de estado e xúlgase ás vítimas, a quen se lles chega a culpabilizar do seu "destino". Pero os patróns de execución destes asasinatos coinciden co da reacción contrainsurxente, herdado do xurdimento de poderes paralelos. Quérese frear, a través desta brutal represión, a participación das mulleres en espazos públicos e privados.

Está na cultura: a muller é considerada propiedade dun home, sexa pai, marido, sogro, irmán ou autoridade. Está lexitimado que os seus "titores" fagan por que elas non se desvíen do camiño marcado, recorrendo á violencia se é preciso. As agresións cotnra as mulleres están normalizadas, e cúlpaselles de seren responsábeis das agresións que sofren, e mesmo dos asasinatos.

A (ir)responsabilidade gobernamental


O Estado de Guatemala non cumpre os Acordos de Paz, en especial o de Fortalecemento do Poder Civil, non ten aínda control sobre o exército, e menos sobre os corpos ilegais e os aparatos clandestinos de seguridade. Non cumpre o traslado do control de armas e municións ao Ministerio de Gobernación (segue en mans do exército, e mesmo hai quen afirma que hai máis persoas armadas en Guatemala hoxe ca durante o propio conflito).

A isto súmase a proliferación de 1.500 empresas de seguridade privada que lles esixen aos seus empregados teren prestado servizo militar, e os ex militares vinculados á delincuencia organizada. Non se penaliza, nin se investiga. A mensaxe está clara: non pasa nada se morre unha muller, ninguén será xuzgado. Non existe un marco xurídico nin unha tipificación de delitos. De 500 mortes no 2005, só unha rematou en causa xudicial.

Outros exemplos de como o Estado somete totalmente ás mulleres: un home pode liberarse dunha condena de violación se casa coa vítima, mentres sexa maior de 12 anos. Unha menor só pode acusar a un adulto de abuso se demostra que non foi ela quen o "provocou", e se unha muller quere denunciar ao seu home por maltrato, as feridas teñen que permanecer visíbeis polo menos dez días.

Tentando silenciar voces

As mulleres guatemaltecas son o alicerce da reconstrución do país, integran o novo movemento a favor dos Dereitos Humanos, e loitan contra a impunidade dos asasinos. Unha mostra de que o feminicidio está organizado e premeditado, que é unha ameaza para todas as mulleres, e non unha serie de casualidades, son insultos que aparecen gravados na pel das vítimas referidos ao xénero feminino en xeral: "morte ás putas".

Mesmo aos pais e nais que investigan a morte das súas fillas díselles que o asasinato foi merecido por seren prostitutas ou "unhas calquera". E as mulleres que militan en grupos feministas reciben decote ameazas de todo tipo. Non son casos particulares de "violencia intrafamiliar", delincuencia da rúa, ou mesmo "ritos satánicos", como pretenden facer crer os medios aló: hai un sistema organizado que persegue o sometemento e silenciamento das mulleres de Guatemala, apoiado pola policía e o sistema xudicial.


4.63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



8 de marzo en Guatemala. Flickr: Marimen
8 de marzo en Guatemala. Flickr: Marimen
Cruces feitas a man, que representan ás mulleres mortas en México e Guatemala. Flickr: amnestysfoffice
Cruces feitas a man, que representan ás mulleres mortas en México e Guatemala. Flickr: amnestysfoffice
Manifestacións. Flickr: emma-em
Manifestacións. Flickr: emma-em
Manifestacións. Flickr: emma-em
Manifestacións. Flickr: emma-em