Este mércores iniciou a súa xira polo noso país nun enclave perfecto, na compostelá
Casa das Crechas. Pero aínda teremos oportunidade de velo e escoitalo este xoves, na
Casa de Arriba, en Vigo, e o venres no
FNAC da Coruña.
Pablo Moro presenta
Smoking Point, un novo traballo máis intimista e tranquilo ca o primeiro, editado hai dous anos,
Emepetreses. Aquí podemos escoitar a canción que lle dá título ao disco:
Vieiros: Como nace a idea de
Smoking point?
Afirma que verdadeiramente foi no punto para fumadores dun aeroporto...
Pablo Moro: Levaba un tempo pensando nun novo disco, e un día, buscando un sitio para fumar na T4, deime conta de que o Smoking point é un lugar moi curioso, hai moitas vertentes: é unha imaxe moi potente para o que eu quería expresar nese momento. Dentro do caos do aeroporto e do caos da sociedade, era como unha paréntese tranquila, onde a xente para a fumar un cigarro, onde ademais conflúen persoas que veñen, van, cadaquén diferente, do seu pai e a súa nai.
Pareceume moi simbólico para contar as cousas que eu quería contar, para dicir "Aquí estou e esta é a miña forma de ver o mundo". A partir de aí naceu unha canción, e da canción naceu o disco.
V.: De feito a canción ten ese pouso de busca existencial, de xente que se atopa, indo e vindo cadaquén do seu lugar, no baleiro...
P.M.: Si, é un punto intermedio na viaxe. A xente para, cruza as miradas...
V.: É moi simbólico tamén que a escollese nun momento, musicalmente, de reflexión...
P.M.: É. Para min foi como este cinema que non responde preguntas, senón que as fai, que pon a cámara e amosa o que hai. Eu decidín facer o mesmo, contar o que vía. Neste sentido, hai moita diferenza con respecto ás cancións do disco anterior, que tiña temas moito máis narrativos, incluso con presentación, nó e desenlace. Isto non pasa agora: o que atopamos en
Smoking point son imaxes, retallos para que cadaquén faga as súas reflexións.
V.: Que máis diferenzas hai con respecto a Emepetreses, o seu primeiro traballo, do 2005?
P.M.: Ademais das letras, e de que eu penso que as cancións son moito mellores, e que houbo unha evolución, noutro sentido houbo unha involución, por chamalo dalgún xeito: Emepetreses era moito máis experimental, con música electrónica polo medio, e agora é moito máis sinxelo, acústico... Son eu coa guitarra e coa banda. As cancións falan máis por si soas.
V.: Como naceu a colaboración con 'Los Chicos Listos' e Álvaro Bárcena?
P.M.: Non é que 'Los Chicos Listos' existisen como banda, púxenlle eu o nome. Eran xente que habitualmente colaboraba comigo, uns músicos tremendos cos que me levaba moi ben. Smoking point naceu a base de ensaios con eles, e quixen que gravasen o disco comigo e participasen nos concertos. Conectamos moi ben.
V.: E que supuxo levar o premio ao mellor letrista, para vostede, e ao mesmo tempo o de mellor guitarrista para Álvaro Bárcena?
P.M.: Foi unha demostración de dúas cousas que para min son vitais: o respecto do público e o dos compañeiros. O feito de que valoren o teu traballo sempre é de agradecer.
V.: Como foi o salto do concerto íntimo, en bares, para público reducido, a outros formatos?
P.M.: Eu veño de aí, do concerto en formato pequeno, e agora, para darlle promoción a
Smoking... é o que estamos facendo, concertos en acústico. É o xeito que máis me gusta e como mellor funciona, e penso que tamén é o mellor xeito de traballar ao público.
V.: E como xurdiu a idea de facer parte da promoción no circuíto das FNAC?
P.M.: Non foi decisión miña, pero é bo xeito de dar a coñecer o disco. É un pouco frío, pero está moi ben para que a xente coñeza o meu traballo.
V.: Cambiando de terzo: como xurdiu a idea de colaborar cos deportistas asturianos?
P.M.: Pois todas as Noites Boas, a Asociación Deporte Solidario celebra unha gala, que se retransmite pola televisión asturiana, e na que participan deportistas asturianos coñecidos, como Fernando Alonso... Este ano, que é o décimo aniversario, querían facer algo especial, e chamáronme para facer unha canción. Gravamos un videoclip e todo. Pero ao cabo, foi unha cousa puntual.
V.: Como está o panorama musical en Asturias? Con que referentes contaban?
P.M.: Hai moitos grupos, pero sen moita relevancia fóra, quitando os míticos Ilegales. Moita xente está a facer cousas novas, pero non teñen todas as oportunidades que quixeran para darlle difusión.
V.: A ese respecto, quería preguntarlle tamén que opina a respecto da rede como medio para difundir a música?
P.M.: Co tema de internet, aínda estamos en cueiros. Para a industria musical, que tiña un negocio moi regulado, de repente supuxo a aparición dunha cousa enorme que non se podía controlar. E na vez de adaptárense ao medio e descubrir as súas potencialidades, para aproveitalas, reaccionaron negativamente. Hai moita xente aproveitando o medio, mesmo regalando música.
Logo está a outra cara da moeda: eu emprego o E-mule, por exemplo, para atopar cousas ás que non podo acceder doutro xeito, pero despois utilízase moito porque si. Por exemplo a xente como Alejandro Sanz vaille dar igual, pero a min, se non levo un certo número de discos vendidos, ningunha discográfica me vai sacar outro disco. A xente ten que discernir un pouco entre unhas cousas e outras. Pero penso que estamos no camiño de que remate o concepto de disco tal e como o entendemos agora.
V.: Que lle parecen, por exemplo, estratexias como a de
The Homens: sacan a súa música de balde na rede, pero tamén podemos mercar o vinilo e máis o cedé?
P.M.: Pois a volta ao vinilo non é mala idea. Ademais é moi curioso que a mesma industria que defende que se compren discos de autor tamén é a que vende regravadoras de cedé, entón, en que quedamos? Que tipo de consumo é o que interesa?
V.: Por último, que agarda do público nestes días en Galiza?
Pois, sobre todo, que coñezan o disco e que lles guste, e poder vir tocar moitísimas veces máis. Xa toquei o ano pasado no
Auditorio de Galicia e houbo moita máis xente da que agardaba, e para min foi un descubrimento.