Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
ENCONTRO EN CHILE

Cumio de mulleres

A presidenta electa da Arxentina Cristina Fernández de Kirchner acordou este xoves coa súa par chilena, Michelle Bachelet, "afondar a relación bilateral" entre eses dous países.

Débora Campos - 12:15 09/11/2007
A presidenta de Chile, Michelle Bachelet, e a mandataria electa da Arxentina, Cristina Fernández, saúdan o público dende un balcón do Palacio da Moeda. / Foto: Daniel Luna/

A presidenta de Chile, Michelle Bachelet, e a mandataria electa da Arxentina, Cristina Fernández, saúdan o público dende un balcón do Palacio da Moeda. / Foto: Daniel Luna/

Nunha reunión desenvolvida no histórico Palacio A Moeda de Chile, a sede do goberno dese país, a presidenta electa da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, acordou este xoves coa mandataria chilena, Michelle Bachelet, "afondar a relación bilateral" entre eses países suramericanos.

"A verdade é que son esas cousas do destino, a pesar de que esta é unha reunión multilateral, é o primeiro encontro que teño como mandataria electa cun mandatario estranxeiro", declarou Cristina Fernández ao termo da reunión, á vez que cualificou a Bachelet como a súa "amiga".

Primeira viaxe
A presidenta electa da Arxentina destacou ademais que esa reunión, na súa primeira viaxe ao exterior tras gañar por ampla marxe as eleccións presidenciais, sexa "cunha do xénero, como é Michelle, e con quen ademais nos une unha longa amizade". Tamén desde o goberno chileno resaltaron o feito de que Cristina Fernández escolla Chile como o primeiro país en visitar tras ser electa primeira mandataria.

O vicechanceler chileno, Alberto Van Klaveren, explicou aos medios arxentinos que a visita da senadora nacional "ten enorme transcendencia" para o seu país. Tamén salientou o subsecretario de Relacións Exteriores de Chile "o feito moi especial de que a presidenta (Bachelet) teña dúas reunións de alto nivel como son coa presidenta electa Cristina Fernández e co presidente Néstor Kirchner".

Dende o balcón
Sorprendentemente, cando non pasaran cinco minutos, a mandataria chilena e Cristina Fernández dirixíronse cara ao corredor contiguo, onde hai un balcón, desde onde se asomaron e saudaron alzando as súas mans á gran maioría de xornalistas que seguían as alternativas do encontro.

"Recordabamos cando nos atopabamos na embaixada da Arxentina, cando nin ela pensaba ser presidenta chilena e tampouco eu presidenta dos arxentinos, fai uns anos atrás", contou Cristina sobre o encontro, que durou case 45 minutos. Salientou a presidenta que un eixo central da reunión foi "a decisión de profundar esta relación entre ambas as repúblicas".

O cumio O presidente Néstor Kirchner e a mandataria electa Cristina Fernández están en Chile para participar da inauguración do XVII Cumio Iberoamericano que se realizará en Santiago até o sábado. Os mandatarios de 22 países de fala hispana analizarán, a partir da inauguración, "as desigualdades, os desafíos e as políticas sociais para lograr sociedades máis inclusivas en Iberoamérica".

Do encontro intervirá tamén o rei de España, Juan Carlos, o único que participou de todos os cumios, desde o primeiro, que tivo lugar en 1991 en Guadalajara, México.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: