Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Remodelación da Praza de España

O acordo entre o Concello de Ferrol e Abeconsa podería chegar a principios de ano

O concelleiro de Urbanismo, Anxo Mato, vaticina esta data "aínda que depende das dúas partes". Por outra banda, o fiscal chama a declarar aos 13 representantes do anterior goberno.

Fernando Arrizado - 19:40 09/11/2007
Anxo Mato, concelleiro de Urbanismo de Ferrol

Anxo Mato, concelleiro de Urbanismo de Ferrol

O edificio de 21 metros que a empresa Abeconsa pretendía construír na Praza de España de Ferrol, grazas ao permiso concedido polo anterior goberno municipal (PP e IF), e paralizado pola Consellaría de Política Territorial segue a xerar información, sobre todo, de tipo xudicial.

A actuación do equipo de goberno foi denunciada na Fiscalía do TSXG no seu día pola Federación Veciñal Roi Xordo. Esta semana, o fiscal que se ocupa da causa aberta nos xulgados ferroláns solicitou a declaración como imputados dos trece concelleiros (oito do PP e 5 de IF) que votaron a favor do cambio de usos deste espazo para convertelo en urbanizábel e a súa adxudicación a Abeconsa.

Satisfacción na Federación Veciñal

Cesar Manso, secretario da Federación Veciñal, afirmou que se sentían "satisfeitos" coa decisión xudicial, que significa que "tiñamos razón" nas nosas denuncias, presentadas á Fiscalía en outubro de 2006.

Tamén, critica a actitude do novo goberno municipal, ao que acusa de non ser tan "transparentes" como prometeran na campaña electoral, por non facer público o proxecto previsto para a Praza de España, así como a situación actual das negociacións con Abeconsa para determinar a indemnización á que teñen dereito.

"Diálogo fluído" do concello con Abeconsa

Neste senso, Anxo Mato, concelleiro de Urbanismo da cidade, afirmou que "nos atopamos ante un problema complexo, polo que queremos evitar interferencias de terceiros no marco dunha negociación tan importante como esta".

"Gustaríame mandar unha mensaxe tranquilizadora á cidadanía. O goberno está a traballar para pechar este problema do mellor xeito e o antes posíbel. Estamos traballando a reo e mantemos un diálogo fluído e constante coa empresa", explicou Mato, que vaticinou que "aínda que depende das dúas partes, coido que a principios de ano teremos un acordo sobre a mesa".

Respecto ao futuro da Praza de España, o concelleiro de Urbanismo dixo que na parte da superficie búscase un aspecto "menos duro", con máis "espazos públicos, libres e verdes", namentres que na parte baixa se contempla a posibilidade de instalar un "complexo deportivo público". Mato dixo que esta última idea foi avalada por diversas empresas consultadas, e que servirá para dar servizo a un importante número de cidadáns.

O edil socialista non quixo entrar na recente decisión da Fiscalía, aínda que sinalou que "non é de agrado que os temas políticos se xudicialicen".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete