Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Marco integral para as artes escénicas

Cultura destina 66 millóns para fomentar o teatro, a danza e o novo circo galego

O Plan Galego de Artes Escénicas busca atopar unha estratexia global para gañar protagonismo e chegar a máis público.

Redacción - 18:30 12/11/2007

A Consellaría de Cultura presentou este luns o borrador do Plan Galego de Artes Escénicas que terá vixencia de 2008 a 2011. Neste documento quedan recollidos os obxectivos marcados para fomentar o teatro, a danza e o novo circo que se está a facer na Galiza actual e obter un marco eficiente e consensuado para as artes escénicas. O procedemento de elaboración deste borrador, xunto co orzamento, que chega até os 66 millóns de euros, é especialmente relevante para o sector, xa que por vez primeira o resultado final será consecuencia da decisión de máis de 60 representantes de todos os axentes implicados.

O proxecto xira arredor do obxectivo do Goberno galego de que se acade unha política integral, que inclúa e comprometa a todos os departamentos das consellarías con competencias nos ámbitos relacionados co teatro, a danza e o novo circo galego, e poder así estabelecer un marco de apoio á cultura que teña en conta tres dimensións: a cidadá, a artística e a económica.

66 millóns en catro anos
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, acompañada polo xerente do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Miguel Martín, adiantou que durante o período de vixencia do Plan (2008-2011) está previsto investir un total de 66 millóns de euros, para o que se prevé un incremento anual dos orzamentos nun 22 por cento.

O departamento que dirixe Ánxela Bugallo presentou publicamente o borrador en xuño deste ano, para a partir de aí comezar un diálogo cos diferentes axentes do sector co fin de acadar o consenso. Trala incorporación de propostas procedentes de todos os implicados, resta aprobar os prazos de execución e os mecanismos de avaliación.

O Plan xira arredor de cinco eixos temáticos: o da formación e creación artística, o da integración das artes escénicas na vida comunitaria, o das industrias culturais, o dos mercados e os públicos e o da proxección exterior. Outras medidas concretas son a ampliación da rede de espazos escénicos mellorando as súas capacidades técnicas e fomentando a colaboración entre eles, así coma o pulo á figura dos teatros asociados ao Centro Dramático Galego co fin de acadar unha maior difusión.

Teatro e sociedade
A creación dun público estábel e asiduo aos espectáculos teatrais, de danza e de novo circo, é outro dos obxectivos principais, para o que se prevé unha organización dos programas segundo os públicos, dende os escolares até os adultos. Tamén se tratará de facilitar o acceso aos espectáculos a persoas con cargas familiares e se crearán proxectos piloto de animación socio-cultural dirixidos a colectivos con risco de exclusión social.

A formación será outro dos eidos nos que influirá este plan. Dende Cultura prevén fomentar a creatividade e crear residencias formativas temporais e conceder bolsas aos novos creadores. Tamén se establecen apoios financeiros para as producións innovadoras e se lle da especial relevancia á creación de residencias estábeis, de xeito que unha compañía quedará ligada a un espazo escénico para traballar e representar nel os espectáculos, co que se acadaría estabilidade.

As empresas galegas cara o exterior
Co fin de consolidar as empresas culturais do sector, o Plan ten previsto conceder axudas para a incorporación de melloras técnicas ás compañías, tanto no referente ás novas tecnoloxía da información como á formación de recursos humanos. Tamén se prevé a creación dun sistema de bolsas de prácticas en empresas e o fomento dun convenio colectivo para crear un emprego de calidade con remuneración axeitada.

Por último, a partir de 2008 e grazas a este plan, está prevista a proxección das creacións galegas no exterior mediante axudas para a súa distribución, que se dirixirán especialmente ás zonas de fala portuguesa, nas que as producións do noso país poden entrar con máis facilidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: