Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Francisco Rodríguez, deputado do BNG (2)

"Galiza está chea de progres, o que falla é a confianza no país"

"É unha sociedade cun descoñecemento gravísimo do que é, do que foi e do que pode ser", afirma.

F.A/R.N/R.V - 09:00 14/11/2007
Tags:

Vostede milita no nacionalismo dende principios dos 70. Tivo e ten responsabilidades na UPG e no BNG. Considera que en todos estes anos aumentou a conciencia nacional?
Se nos cinguimos a un aspecto puramente electoral, eu teño que dicir que para moitos de nós, aínda no ano 81, era impensábel a presenza actual dende o punto de vista electoral. Mesmo no ano 79, cando hai o resultado electoral das eleccións xerais e das municipais, pódoche asegurar que o que é o nacionalismo galego, o que era o BN-PG, e o que eran todos os seus dirixentes e mesmo a súa base organizada non levaron ningún susto que lles chamara a atención. Nós tiñamos ben feita a interpretación da realidade.

Explícome. Había unha distorsión entre capacidade de mobilización e presumíbeis resultados electorais, iso tiñámolo claro. No 79 que fomos legalizados o número de votos, con respecto ao 77, multiplicouse por tres. Pero, incluso nas eleccións locais, os resultados para o BN-PG foron alucinantes nas provincias de Lugo e Ourense, porque nós chegaramos antes ca o PSOE e iso foi moi notorio.

Comentaba no acto do 25 aniversario aquela anécdota do rapaz que dicía "aló veñen os que nos defenden"...
Claro, non porque a xente fora nacionalista. A xente é como é en Galiza, empiricamente galega pero ideoloxicamente cunha superestrutura española moi forte. Galiza está chea de progres, todo o mundo di que é de esquerda e hipercrítico. O que falla é a confianza no país. Hai un individualismo exacerbado, independente do extracto social. Hai unha tendencia ao individualismo personalista moi forte en moita xente, sobre todo se participa activamente da vida social. Non é a verdade que a sociedade non sexa crítica. Outra cousa é que hai un gran sector social que acepta o que lle vén dado. Hai unha sociedade cun descoñecemento gravísimo do que é, do que foi e do que pode ser. Iso fraxiliza esa actitude combativa, facéndoa máis individualista ou máis hipercrítica.

A base socioelectoral do nacionalismo está eivada por dous aspectos. O ideolóxico: en Galiza aínda pode máis a dialéctica esquerda-dereita en plan abstracto, non en plan concreto. Logo, o degrau de asunción dun marco político propio e de pensar en coordenadas do propio país, non está nada fortalecido. Quérese pero non se pode. Aí si que hai unha diferencia entre as capacidades potenciais de Galiza e os seus desenvolvementos reais. Hai unha distorsión. A xente pensa que o país é menos capaz, e ten menos forza e menos entidade da que realmente ten. Iso nótase moi ben no debate sobre o sistema de financiamento. Porque o mundo intelectual hexemónico espalla a idea de que Galiza non é capaz, iso acaba introducido en todas partes, incluso nas filas do nacionalismo.

Resumindo. Ano 79: a xente non votaba nacionalista, pero cría que Galiza era un país empobrecido por culpa do Estado español. Ano 2008: hai máis votantes do nacionalismo, pero moitos pensan que Galiza é un país pobre e que lle ven todo de España e da Unión Europea. Aí é onde se ven esas contradicións.

Ao respecto diso que comentaba: aspecto crítico e mesmo hipercrítico no nacionalismo... Está a piques de cumprirse un ano da última Asemblea Nacional do BNG, a primeira despois de chegar ao Goberno. Na mesma, e logo dun importante debate, reveláronse diferentes xeitos de ver a estratexia do Bloque. As principais críticas falaban dun relaxamento nas teses soberanistas e de esquerda á vez que censuraban o futuro modelo de asembleas con delegados. Como valora vostede esas teses?
O problema das formacións políticas non é que haxa pluralismo ideolóxico, diversidade de opinións e por tanto de propostas. Se iso se fai coa mínima lealdade e aprezo polo proxecto político do que formas parte, entón é indiferente, mesmo habendo cambios de maioría na xestión. Porque se asegura o fundamental: que estamos para intentar ser hexemónicos na sociedade galega, para transformar a realidade...

O problema, que sempre existiu pero agora está máis agudizado, é cando parece que todo vale. Se alguén pon o traxe ideolóxico-político que lle convén segundo as circunstancias. Non é normal facerte pasar por autodeterminista e soberanista se ves que hai unha dirección política que defende que hai que conquistar un novo Estatuto para Galiza. Que hai que facer logo, deixarlle a PP e PSOE que fagan o que queiran? Que propoñen? Non moverse no seu mundo feliz, con autodeterminación en abstracto e xa está? Unha forza política con algo de entidade debe tentar condicionar os resultados, sabendo que sen ela o que sairía de aí sería un produto nefando.

Entón aproveitar esa conxuntura para presentarse como independentista quen sempre foi un autonomista barato... Ou manterse no ideoloxismo abstracto onde se actúa como se non tiveras capacidade ningunha e limítaste a facer unha manifestación para pedir autodeterminación e berrar contra unha forza política...

Eu acepto que haxa xente que non estea de acordo coa liña política do BNG, pero entón gustaríame vela nos sitios conflitivos sendo a vangarda. Que lle fosen no seu día eses independentistas a protestar a Paco Vázquez e que nos eximisen de andar co enfrontamento continuo, pero non os veremos nunca en nada diso. Só están aló onde poden confundir as situacións ou aliarse co españolismo pleno en calquera loita pretensamente ecoloxista.

E isto pasa, deixando aparte o nacionalismo marxinal fóra do BNG, tamén respecto ao que está dentro. Eu volvo repetir: con lealdade todo é posíbel, e sen conxunturalismo. Eu non podo defender unha cousa agora porque a dirección defende outra, e ver como embauco a catro incautos. Non se lle pode aceptar a persoas responsábeis e que pasaron por certo tipo de cargos. É lexítimo manter posicións ideolóxicas, criticar o que está mal e dicir como cambialo, pero non un debate abstracto sobre a independencia... Mimetismo, individualismo e falla da mínima capacidade construtiva non son bos valores. E non se deben converter certos debates internos en públicos.

Por iso nunca será un problema que haxa cinco ou oito listas, sempre e cando todos teñamos o afán de que o BNG vaia cara a adiante, dicindo por que as cousas van mal e como poden ir mellor e debatendo dentro. E a autodeterminación non se consegue poñendo un papel en internet e pedindo que o asinen. Haberá que intentar conseguir que o Estatuto diga nalgún sitio que Galiza é unha nación. Fracaso iso, pero sempre despois de intentalo, pois poderemos dicir: miren, isto non é noso, non o voten.

Entón a quen lle toca a tarefa de desbrozar e abrir camiños prácticos? Ese é o traballo difícil.

Hai quen, tanto desde fóra como desde dentro, di que o Bloque adoptou unha posición máis centrista, pero no outro estremo tamén seica hai quen chama a terlle medo, ou así o tratan de expresar...
É normal que fóra haxa persoas que teñan unha idea distinta do BNG. A imaxe irase asentando malia todos os contratempos, malia a distorsión. Hai moita xente cautiva dunha determinada formación cultural e ideolóxica á que o nacionalismo non chega. Falan do BNG de ouvidas ou con preconceitos. Aínda que dicir nesta altura que o Bloque sexa unha formación que ampara a violencia, pero é froito da ignorancia e en sectores que están moi enquistados ou que lles interesa aínda que saiban que é mentira.

O problema máis grave é dentro, a nivel interno. Aí hai quen axuda a deteriorar a imaxe do BNG. Non se pode dicir que unha persoa é radical e que está nas nubes e ao mesmo tempo acusala de entreguista. Isto son cousas de consumo interno sen ningún valor electoral e que só conducen ao desprestixio cara ao exterior. Non podes tratar unha forza política como se ti foras un valor universal na cabeza de todo o mundo. Preocúpame esa dialéctica dentro das siglas do BNG. Ti podes acusar alguén de que non fai suficiente para denunciar unha determinada cousa, pero non atribuírlle ao BNG algo que o BNG non fixo. A xente normal ten unha cousa clara: hai un goberno de BNG e PSdeG, e a outra alternativa é que goberne o PP. Ese é o escenario agora. Se o que queren propoñer é: deixen vostedes o goberno, pois fágano así, pero non veñan con outras atribucións.

O problema é a actitude coa que se fan as cousas. E a actitude a min non me preocupa sempre que sexa ponderada e construtiva, pero que non sexa esa aldraxe, denigración e mentira que se produce ás veces no debate político minoritario. Iso non ten sentido. A min si que me gustaría ter xente máis á esquerda, e activa socialmente, e que iso funcionará como factor de rexeneración construtiva, pero non é iso o que temos. Parece que non importa nada, que todo se deixa para un futuro ideal no que Galiza vai ser independente. Iso é un eslogan.

Cal é o papel da UPG no BNG actual... e cal vai ser no futuro?
Manter o nacionalismo unido, e con presencia e eficacia social.

Se a xente non asume que Galiza é un pobo distinto, non lle podes poñer como obxectivo cousas abstractas. Eu primeiro quero que a xente teña un mínimo de conciencia de ser galego e, mantendo o meu discurso, usarei uns instrumentos políticos cara á iso, onde a xente vaia asumindo as cousas en función dunha lóxica contextualizada. E o papel será así, diante das discrepancias, manter uns criterios de organización e lealdade.

Moitas das críticas históricas ao BNG veñen encarnándoas en vostede. E como dirixente histórico do nacionalismo, as críticas das que é vostede obxecto son contraditorias. Hai quen o acusa de ter "domesticado" o Bloque, e pola contra outros cualifícano de gardián das esencias e inmobilista... Como enfronta estas consideracións?
Eu non tomo nada como algo persoal. Hai poucas sociedades que se permitan o luxo de ter un xornal subvencionado con fondos públicos onde unha vez por semana se ataca unha persoa. É unha enfermidade.

En organizacións como o BNG é imposíbel ter o poder, porque está sometido a un tipo de convivencia, diálogo e correlación de forzas que o fai posíbel. Por iso nin nos peores momentos houbo problema dese tipo. O que existirá é en certos sectores maior ou menor influencia ideolóxica de certas persoas. Hai xente que mira para á UPG igual que hai xente que mira a Beiras como símbolo, pero ten Beiras o poder? Non. Son situacións movíbeis dentro da organización.

Na medida en que á UPG lle atribúen ter mantido o BNG dentro de determinado tipo de elementos básicos do nacionalismo, convértese no inimigo a bater. O problema é que hai a quen non lle convén que haxa un nacionalismo minimamente cohesionado.

En Cataluña hai dúas grandes forzas nacionalistas, CiU e Esquerra, en Euskadi tres. En Galiza o referente único é o BNG. Isto é unha vantaxe ou un lastre? Que opina dos últimos proxectos que aspiraban aquí a entrar nese escenario?
Nun país distinto, imaxinario, iso podería ser doutra maneira. O problema é que o país é o que é, e non resiste dúas forzas políticas nacionalistas. O noso non o resiste desde nunca. E tal como van as cousas, tampouco en Euskadi e Cataluña parece que o resistan do mesmo xeito. ERC cando máis tivo chegou ao 15% dos votos. É un partido que desde o punto de vista relativo en termos da sociedade catalá é global representa moito menos ca o BNG. Cando baixa CiU sobe ERC, pero non lle comen terreo aos outros.

E o que se fala da cando en vez desa cuarta vía...?
O problema é que ese non é nacionalismo. Só un cúmulo de accidentalidades caciquís. Nin Cacharro Pardo nin un señor de Narón que se representa a el mesmo poden inventar cousas que non hai. Poderá haber alternativas de carácter rexionalista en función de circunstancias.


4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: