Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Francisco Rodríguez, deputado do BNG (3)

"Hai dúas cousas fundamentais que o Goberno debería ter afrontado xa: a reforma da CRTVG e a lei de caixas"

"Un logro claro e fundamental, e de gran valor estratéxico, é o deseño e aplicación da política agroforestal", destaca Rodríguez.

F.A/R.N/R.V - 09:00 14/11/2007
Tags:

Vostede afirmaba hai poucas semanas na Radio Galega que "o cambio vai lento". Anteriormente prometera ser "firme defensor pero tamén esixente peticionario". Despois de dous anos de bipartito, que é o que se precisa para facer efectivo ese cambio? Algún logro que o satisfaga especialmente do Goberno neste ecuador xa sobrepasado? En que área se puido facer máis e non se fixo?
Existe un logro claro e fundamental, e de gran valor estratéxico, que é o deseño e aplicación da política agroforestal. Iso vaise ver a medio e longo prazo, polo que é unha eficacia máis visualizábel na próxima lexislatura. É irreprochábel a plasmación das políticas propostas polo BNG. Despois, hai un intento loábel de articulación da base dun estado de benestar con dinámica e deseño galego, aceptábel desde o punto de vista cultural e lingüístico: é o que está a facer vicepresidencia coa lei de dependencia, coas galescolas, política de xénero, voluntariado... Hai unha viraxe clara respecto das descoordinadas propostas do PP e a situación económica fixo necesario un modelo mixto do público co privado. Hai unha política de Vivenda e solo público transparente e dinámica, irreprochábel, só limitada polo ámbito competencial.
En política industrial pasamos dunha consellaría adicada exclusivamente a repartir diñeiro a unha que intenta estabelecer criterios de transparencia e control e dar grandes debáte políticos necesarios: por exemplo ao respecto do modelo enerxético, atender a un sector básico como é o naval, unha política ambiciosa de innovación, desenvolvemento e cualificación técnica... Políticas moitas veces con atrancos e torpedeada desde outras esferas da Xunta.

Por último, está a política cultural. Aí, o grave problema que temos é que foi unha consellaría que a deixaron sen a CRTVG e o audiovisual, tremendamente fanada, e polo outro lado déixanlle unha lousa importante: a da Cidade da Cultura, e aínda por riba con interferencias do PSOE. Por iso é a que ten máis dificultades, desde o punto de vista do discurso e simbólico. Deixando aparte a política que se faga, correcta en ámbitos coma o do libro, teatro e outros, o grande drama é que non sexamos aínda capaces que o debate sobre o Gaiás chegue a un punto que deixe claro e definido o deseño de futuro canto antes. A Cidade da Cultura é inevitábel. Pero debemos vixiar que unha vez feita non sirva simplemente para transferir diñeiro público de Galiza cara ao exterior. Ese é un dos gravísimos perigos que seguimos tendo con ese proxecto. Temos que deixar claro que é un proxecto nacional ao servizo da cultura galega. Pode ser un foco de información da actividade histórico-artística do país moi importante. Por exemplo, non pode ser que vivamos nun país onde toda a pintura do sXX está en faiados dispersos. Nin Castelao está ben tratado cun sitio onde se poida ver correctamente a súa obra. Non pode ser que veña o presidente do goberno español a definir cousas que non está autorizado a facer.

Hai dúas cousas fundamentais que deberían terse feito, e eu confío en que aínda se fagan. Unha é a cuestión da CRTVG, que está recollida no acordo do bipartito. E outra é a da lei de caixas [Ver vídeo]

Nin os seus inimigos lle discuten o traballo no Congreso estes anos. Ademais de involucrarse máis de cheo na vida interna da organización, nesta nova etapa persoal que abre, veríase vostede formando parte do Goberno?
Non. Primeiro porque non teño esa disposición, e menos a ano e medio para rematar a lexislatura. Ademais, non é ese o meu afán. Eu quero facer traballo orgánico e cultural, adicarme máis a política de formación no BNG. Só na próxima lexislatura e caso de que existise algunha función que eu puidese facer, polo meu interese e capacidade e onde comparativamente puidese achegar unha vantaxe.

Até 26 anos despois da aprobación do Estatuto de Autonomía, o noso idioma ten un recoñecemento legal expreso. Pero lonxe de avanzarse na normalización, a perda de falantes mesmo se acelerou... Que pasa e que podemos facer?
Urxentemente o primeiro é cambiar a política oficial. Foron neste eido 25 anos funestos de democracia co goberno que tivemos. O grave é que agora se faga un cambio puramente cosmético. O problema é ver se haberá vontade e empuxe para aplicar de verdade os cambios que se intentaron en Educación e despois ir a unha segunda fase. A política lingüística necesitaría de persoas que lanzasen mensaxes moito máis claras e contundentes e que foran prácticos e esixentes. A CRTVG tamén pode cambiar, tamén na calidade da lingua. Non temos moitos instrumentos de eficacia real para combater o devalar do idioma, por iso os que temos debemos utilizalos moi a fondo. E hai un problema de gañar falantes e de manter os que temos nunha certa convicción e calidade. Por iso a CRTVG debe cambiar neste aspecto.

Hai que tomar en serio o do ensino, en oposicións e todo o que é o funcionariado hai que traballar co que hai e cos que van entrar, dando normas de conduta para que sempre atendan o usuario en galego, que é pouco pedir. Por outra parte, no que lle toca á prensa, que é o que pasa para que un xornal en galego que podería ter un potencial de entre 15 e 20 mil lectores non apareza. Por que non se logra nunca, malia que mesmo haxa nalgún momento un certo sector do capital disposto a xogar coa idea. Iso ten que ver coa falta de vontade nacional, con que todo o mundo está contento co seu rol pequeno, a convicción plena por parte do gran capital non o hai...

Entón, vemos que temos un discurso do bilingüismo harmónico, falsificado, o PSOE tenta gardar as formas pero non fai o que debera. E nós estamos despistados, nunha retórica do "hai que facelo" pero cunha certa incapacidade para facelo no que nos compete a nós.

As actitudes valen moito. Por exemplo, un recente anuncio está amosando o pouco habituados que estamos a oír falar ben de Galiza, con ese entusiasmo imposíbel, aínda que o substrato sexa terríbel. E esa actitude debera empezar polos representantes públicos. Pero pensade por exemplo no impresentábel da actitude que vemos na presidente do Parlamento.

Por desgracia co idioma parecera que se está exteriorizando a idea de que se pode ser galegos sen consecuencias prácticas. É o que dicíamos antes, hai anos a xente non votaba nacionalismo pero tiña catro cousas claras. Hoxe, a xente vota nacionalismo, pero se cadra hai cousas que non ten tan claras.


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: