Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixas polos privilexios de Posada Carriles

Estados Unidos é refuxio dun milleiro de acusados por violación dos dereitos humanos

Un grupo de investigación advirte do paradoxal exemplo de que un dos dez terroristas máis sanguinarios, en referencia a Posada Carriles, só foi acusado nos EUA de violar leis de inmigración.

Redacción - 09:00 16/11/2007

Apenas 280 persoas de orixe estranxeira sobre os que recaían sospeitas de presunta violación de dereitos humanos ou crimes de guerra foron expulsados dos Estados Unidos nos últimos catro anos, sendo finalmente procesados algúns nos seus países de orixe.

Así e todo, cando menos un milleiro de persoas acusadas deste tipo de delitos e chegadas de case un cento de países, seguirían vivindo nos EUA sen ningún tipo de problema, segundo recoñece o propio Departamento de Seguridade Nacional do goberno Bush.

Esta semana coñecéronse casos coma o dos dous torturadores do médico Juan Romogoza, represaliado en El Salvador nos anos 80. Malia a sentenza de condena contra eles fixada por un tribunal civil, estes seguen vivindo sen problemas nos Estados Unidos. Outro caso é o do ex presidente boliviano Gonzalo Sánchez de Lozada e dous colaboradores, acusados da morte de 67 persoas e de medio milleiro de feridos en sucesos motivados por orde directa súa que tiveron lugar en outubro de 2003. Malia o xuízo pendente, permanecen refuxiados nos Estados Unidos sen problema.

Un comité do Congreso estadounidense recoñecía esta mesma semana os problemas, citando o caso do exiliado cubano Luis Posada Carriles, cunha extradición solicitada por Cuba e Venezuela pola súa responsabilidade no atentado contra unha liña aérea cubana que causou a morte de ducias de persoas. Un dos membros do comité queixábase do "incríbel" de que malia os graves crimes cometidos por Posada Carriles, nos Estados Unidos foi apenas acusado de violar leis inmigratorias por entrar fraudulentamente no país e vive agora comodamente en Miami. O presidente do subcomité de organizacións internacionais e Dereitos Humanos do Congreso dos EUA, William Delahunt, chamou a corrixir esas situacións para repoñer "a nosa credibilidade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: