Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ENTREVISTA A LAMATUMBÁ

"O mellor de gravar preto da casa é que cando se nos acaba o licor café podemos ir buscar máis"

Lamatumbá preparan novo disco, que poderemos escoitar alá por febreiro ou marzo. En 2006 gravaron Lume (para que saia o sol) en Euskadi. Desta vez, preferiron ficar na casa, no Val Miñor.

Marcos Pérez - 09:30 18/11/2007

En Mañufe (Gondomar) hai unha Casa de Tolos, un dos estudios de gravación de máis sona do país. Alí levan dúas semanas pechados Lamatumbá, rematando o seu novo disco, que comezaremos a escoitar en febreiro ou marzo. Sacamos do estudio a Iván "Paquito de" Varela, saxo do grupo, para que nos descubra algúns dos segredos dunha das bandas con máis enerxía da Península. Prometen potencia e alegría, animados polo sol do outono e as provisións do Café Cultural Auriense.

Vieiros: Estamos impacientes. Cando escoitaremos o disco?
Iván Varela: Teremos o disco para febreiro ou marzo, pero antes esperamos poder sacar á rúa unha sorpresiña, para ir abrindo boca, con algúns temas. Será un maxi con algunhas cancións que non irán no álbum.

Que tal é gravar en Casa de Tolos? O último disco gravástelo en Euskadi; por que decidistes volver a Galicia para este?
Si, Lume gravámolo nos Gárate Studios e quedamos moi contentos con Kaki (Kaki Arkarazo, o produtor), pero esta vez Kaki tiña moito traballo e non podiamos facer coincidir as datas. Ademais, nós cambiamos de compañía, e a verdade é que Casa de Tolos ofrecíanos moita confianza, pola súa calidade. E ademais pola proximidade, claro

Notades moitas diferenzas por gravar en Galicia?
É moi cómodo, pero si que é certo que é moi diferente. O mellor de gravar cerca da casa é que cando se nos acaba o licor café podemos ir buscar máis...

Volvedes a casa despois de gravar ou quedades alí?
Estamos ficando nun camping en Baiona. E está moi ben erguerse pola mañá e ver a Ría de Baiona e o bo tempo que estamos tendo en novembro. Cando gravamos en Euskadi hai dous anos era un vendaval detrás doutro, chuvia, vento...

Iso vaise notar no disco? O bo tempo, digo.
Pois creo que si. Está quedando un álbum moi optimista e moi positivo. Debe ser o sol.

Resúltavos difícil levar ao disco a forza que tedes en directo?
Non é doado. E si que é certo que no primeiro disco quedamos coa impresión de que quedara un pouco frouxo nese sentido, un pouco baixo de potencia, que non tiña todo o poderío que temos nos concertos. E este vai ser diferente. O que pretendemos é que o disco impresione ao oído o mesmo que os concertos impresionan o oído e a vista.

Estades tendo moitas colaboracións, creo. Quen pasou pola Casa de Tolos?
Iso é o mellor de gravar na casa, que é moito máis doado que veñan amigos a colaborar. Guadi Galego gravou unha canción, e tamén Uxía vai facer unha achega, e o seu pianista. É divertido, porque polo estudio cruzámonos con moita xente, que está facendo cousas por aquí, como Budiño ou Malvela.

Que hai de novo no disco? Moitas sorpresas ou recuncades no voso estilo?
Non vai haber moitos cambios. Introducimos algúns ritmos novos, nos que aínda non se traballou excesivamente na música galega, como o funky ou o hip-hop. Pero no resto do disco están as nosas cumbias, merengues e pasodobres de sempre.

Disco, e supoño que despois xa a tocar...
Si despois de sacar o disco comezaremos a tocar por aí. Inmediatamente, e seguiremos até que poidamos. É o que nos apaixona, a ruta, o directo, a furgoneta...

Na xira sairedes fóra de Galicia, supoño. O público de fóra entende a Lamatumbá?
Si que nos entenden, non todos claro, pero enténdennos. Como pouco entenden o "Ai Dolores"; despois seguro que o "con que te lavas a cara" se lles escapa, pero mentres a música mova os pés...

Como foi tocar en Berlín no Popkomm?
Xenial, había un montón de xente circulando por aí, porque ao lado do noso concerto había outros catro. Moitísimos galegos que están en Berlín, e despois moitos cataláns e vascos e españois. Moi ben.

Estivestes en Chantada no Castañazo Rock? Como valoras estes primeiros intentos de recuperación do bravú?
Facía falla xa había tempo. O bravú estivo moitos anos aí arriba e despois foi esmorecendo, entre outras cousas pola falta de apoio dos medios e das administracións. Pero a xente que o viviu segue con el, escoitándoo e apoiándoo. Xa viches en Chantada como estaba iso cheo.

Pódese dicir que o bravú resistiu nuns anos moi duros, nos que non había nada, non?
Si, agora parece que a cousa vai mellorando, prográmanse máis concertos, e estamos vivindo un renacemento da música en galego. E se renace é porque a xente a demanda. A xente pide música en galego en todos os estilos.

Unha última dúbida: de onde é o licor café de Lamatumbá? Onde ides buscalo estes días?
De Ourense, sempre, do Café Cultural Auriense. Estamos patrocinados por eles.


4,54/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lamatumba na Casa de Tolos
Lamatumba na Casa de Tolos
Os 'ventos' do grupo
Os 'ventos' do grupo
Un momento de descanso na gravación
Un momento de descanso na gravación