Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
NOVO GASEIRO E NOVA CAZOLADA

O Comité Cidadán intensificará as mobilizacións contra Reganosa

O décimo gaseiro, o primeiro dende que a planta ten a licenza de servizo, volveu escoitar as cazoladas de protesta.

Redacción - 13:40 19/11/2007

Os colectivos críticos contra a ubicación de Reganosa no interior da Ría de Ferrol activan as súas protestas en todas as frontes. Este luns unha nova cazolada recibiu ao décimo gaseiro da planta e o 27 de novembro o Comité Cidadán presentará unha denuncia en Bruxelas perante a UE e un recurso de alzada contra a acta de funcionamento concedida polo Ministerio. Ademais, prepáranse novas mobilizacións para decembro.

Ao redor de 50 persoas participaron esta mañá en Ferrol na cazolada organizada en protesta pola entrada na Ría do décimo buque para descargar gas licuado na planta de Reganosa. A entrada do gaseiro realizouse no momento exacto da preamar, ás once da mañá, co apoio de remolcadores, e bo tempo na ría, pois a media mañá escampara a chuvia e non apareceu a néboa que nalgunha ocasión impedira a operación de entrada dos metaneiros.

O Port Harcourt, cunha carga de 134.000 m3 de gas licuado, é o décimo gaseiro que chega a Mugardos dende o inicio do funcionamento en probas de Reganosa, pero o primeiro dende a concesión da acta de posta en servizo, unha decisión que será recorrida polo Comité Cidadán antes do 9 de decembro, data límite para a presentación de recursos.

O pasado 7 de novembro a Directora Provisional da Área de Industria da Delegación do Goberno na Coruña asinou a acta de posta en servizo de Reganosa, unha decisión contra a que o Comité Cidadán vai interpoñer un recurso de alzada perante a Delegación do Goberno nos vindeiros días. Esta acta permitiríalles aos accionistas de Reganosa recuperar os seus investimentos e percibir indemnizacións, aínda que posteriormente fose paralizada por decisión xudicial, ou pola Administración, como vén de suceder en Brindisi (Italia). O Tribunal Supremo en Madrid ten pendente confirmar dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan a tramitación ambiental concedida.

Mobilizacións en decembro

O Comité Cidadán estuda esta semana a convocatoria de novas mobilizacións contra Reganosa antes de final de ano. Pénsase mesmo na organización dunha gran manifestación nacional a comezos de decembro, que tería o apoio dos máis de 60 grupos e colectivos que integran a rede Galiza non se vende. Será a terceira mobilización neste ano, despois das celebradas en maio e en setembro, que reuniron a milleiros de persoas na Praza de Armas ferrolá. En calquera caso, o formato e data da mobilización aínda están sendo debatidos e podería optarse por un acto máis simbólico que masivo buscando unha meirande repercusión social e mediática.

Ademais, o Comité Cidadán iniciou xa o reparto de vinte mil octavillas informativas, unha distribución que conta co apoio das asociacións veciñais da comarca.

Denuncia perante a Unión Europea

Finalmente, unha representación do Comité Cidadán formada por seis persoas viaxará a Bruxelas o 27 de novembro para presentar unha denuncia contra Reganosa perante a Unión Europea pola violación da directiva Seveso II, unha acción que conta co apoio do Grupo Parlamentario de Esquerda Unida. A denuncia, que se une á realizada en 2001, incidirá na ilegalidade da ubicación na planta en Punta Promontorio e pedirá a anulación da acta de funcionamento, concedida hai dez días polo Ministerio de Industria.

O Comité Cidadán volve reafírmase en que Reganosa non ten acreditado o cumprimento de todos os condicionados da súa autorización de construción, entre eles a saída ao mar dos buques gaseiros en caso de emerxencia e a distancia suficiente até as poboacións segundo o artigo 12 do R.D. 1254/99 de 16 de xullo, cuxa aplicación en España é o RAMINP que require unha distancia mínima de dous quilómetros até as poboacións.


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A plataforma planifica máis protestas para decembro
A plataforma planifica máis protestas para decembro