"Incumpriu a lei", sinalou o conselleiro de Medio Ambiente ao respecto da actuación da empresa no Xallas, criticando a actitude "ambiciosa" da empresa.
"Podería ser unha das causas" da catástrofe, explicou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, na súa intervención parlamentaria deste mércores, ao tempo que explicaba as obras non autorizadas que a empresa realizaba nos días previos ao baleirado "case total" desta.
Opinou Vázquez que é "difícil de explicar" os motivos polo que se cometeu "unha neglixencia así" por parte dunha concesionaria "con experiencia" na materia. Ademais, aínda que puntualizou que non cre que houbese "ánimo de cometer un delito ambiental", acusouna de abrir as comportas para poder seguir xerando electricidade nos outros tres encoros que xestiona río Xallas abaixo, unha vez que no primeiro xa non podía realizar este proceso. De feito, precisou que as outras presas desta canle se atopaban a máis dun 90%, polo que se reafirmou en que a seca non foi a causa do suceso, tal e como defende a concesionaria. "Houbo un uso excesivamente ambicioso para poder seguir turbinar abaixo", criticou.
Contou tamén que a empresa propiedade de Miguel Ángel Villar-Mir incumpriu a lei vixente, malia contar "cuns servizos xurídicos que fan gala de todo tipo de habilidades". A normativa obrígao a comunicar cun mes de antelación cada baleirado que realice cando a capacidade do encoro non supere o 20%. "Hai unha neglixencia e unha responsabilidade de Ferroatlántica", resaltou. Nesta liña, coincidiu coa deputada do BNG Ana Pontón, que na súa intervención alertou de que xa en 2006 os niveis da presa eran moi baixos con respecto ás outras do mesmo Xallas. "Sempre andan no fío da navalla e esta vez pasáronse da raia", ilustrou Vázquez.
Tamén lembrou que existe un procedemento xudicial aberto tras a denuncia do Seprona para dirimir responsabilidades e que o departamento autonómico incoou dous expedientes sancionadores, un pola xestión e outro pola mortaldade dos peixes, que poden supoñer multas de ata 300 mil euros cada un.
¿Multas de 300.000 euros? seguro que Villar Mir está morrendo de medo. Iso gáñao o dono de Ferroatlántica no tempo que eu escribo esta mensaxe.
Non, se o tema está ben calculado. "Eu paso ás leis medio ambientais polo forro, se por casualidade me collen, pago unha multa asumíbel e santas pascuas".
Se o tema está moi inventado. Pasa como os promotores inmobiliarios, fan pisos de máis, e como en Galicia non se derriba unha edificación ilegal nin de coña, o único castigo é unha pequena sanción.
E así vamos, dando pena pola vida e os impresentables con gravata mexando por nos.
...por parte dunha concesionaria "con experiencia" na materia" ???
Jaaaa! Morro coa risa!
Os únicos espelidos e con experiencia na materia - sacar o máximo de cartos ao rio, cos enganos que fagan falta ao pobo, á Xunta e ao estado- son os servizos xurídicos desa empresa.
O resto deben de ser unha recua de enchufados - sobriños, primos e demais familia - dos xefes e "mandos intermedios", eses estómagos agradecidos que andan en zapatillas lavando os coches particulares a carón das centrais. Unha tropilla que nin mirando cinco enciclopedias entenderían verbas como "profesionalidade", xa non digamos "dignidade".
O de Fervenza - e que non se alporice tanto o Conselleiro (que gañe o soldo, e poña a andar á consellería, aos inspectores...) - o dese encoro, Fervenza, pode ser un despiste de calquera currito que abriu de máis unha válvula desa presa, a primeira no curso do río. Coas válvulas da última (santa Uxía) xa andan con máis tino, que son moitos cartos que deixan de gañas nas turbinas; esa é a que abren os domingos despois de misa dende que Fraga intercedeu ao respecto porque lle pedía o corpo inaugurar unha "Cascada".
VERGOÑA SOBRE VERGOÑA PARA GALICIA.