Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Gobernos locais e técnicos analizan os desafíos

Inédito encontro municipal a prol da normalización lingüística nos concellos

Arredor de medio cento de concellos participan este mércores na "primeira xuntanza de política lingüística desde as administracións locais", organizada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua.

Redacción - 12:30 28/11/2007

As posibilidades das administracións locais na normalización social do uso do galego son o obxectivo fundamental de debate e análise do "Primeiro encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña". Arredor de 75 persoas, entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros e técnicos de normalización lingüística de 40 concellos da Coruña participan este mércores 28 no foro que ten lugar no Pazo de Mariñán, en Bergondo.

O evento servirá ademais para poñer en contacto os responsábeis políticos e técnicos das administracións locais para "compartir experiencias e analizar posibilidades de accións conxuntas". Do encontro deberan saír ideas para o deseño conxunto das liñas xerais de coordinación e creación de rede entre as distintas administracións. A convocatoria foi realizada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, CTNL.


Nos relatorios participan entre outros o presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, o nacionalista Xoán Manuel Sande e o presidente da CTNL, Nel Vidal Barral. A profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira explicará como elaborar unha ordenanza municipal de usos lingüísticos. O deputado responsábel de Normalización Lingüística da Deputación, o nacionalista Xoán Manuel Sande, e o presidente da CTNL, darán a coñecer as liñas de axuda, de creación, funcións e o estatus dos servizos de normalización lingüística. Ademais, e moderados por Belén Regueira, locutora da Radio Galega, debaten sobre responsabilidade dos concellos na promoción social do uso do galego os rexedores de Carballo, Fene e Outes, o nacionalista Evencio Ferrero, o socialista Iván Puentes e o popular Carlos López Crespo, respectivamente. As técnicas Rosa Moreiras e Olga Patiño, xunto coa hostaleira Begoña Gómez, presentarán unha experiencia de acción conxunta, a campaña de dinamización lingüística na hostalaría de Ames, Rois e Brión.


4,36/5 (11 votos)


Comentarios (3)

sonken #1 29/Novembro/2007 sonken

É patético como na provincia da Coruña si se poida levar a cabo unha iniciativa deste estilo e na de Pontevedra se nega a axuda a quen quere facer o mesmo.
Recentemente varios técnicos e técnicas de SNL de concellos da provincia de Pontevedra reunironse para analizar este mesmo problema e á hora de acadar o apoio da Cotenol e da Mesa, non tiveron nin un pequeno apoio. Mais ben todo o contrario.
Polo visto, politicamente non interesa!!

LOIS_DE_SILAN #2 2/Decembro/2007 LOIS_DE_SILAN

1ª Os concellos do territorio no que o galego é lingua propia, ó igual que as demais Administracións e poderes públicos e entidades deles dependentes, así como os pariculares persoas físicas e xurídicas teñen a obriga xurídica de acomodaren a súa conduta ó ordenamento xurídico vixente e aplicábel en materia de usos lingüísticos: NA GALIZA NA SÚA LINGUA TERRITORIAL PROPIA COMA EN CASTELA, EN CATALUNYA, EN EUSKAL HERRÍA, EN ... NA SÚA, sen prexuízo de usarmos linguas alleas (nomeadamente o castelán na Galiza cos outros españois)con quen lexitimamente aínda descoñeza a propia do territorio.

2ª Para implementar esa regra, para respectar o ordenamento xurídico vixente e aplicábel na materia só se precisa espallar a regra, xulgadores suficientemente formados e un Servizo de Usos Lingüísticos que de balde asesore sobre o uso correcto do galego (lingüistas)e sobre os dereitos lingüísticos e que represente e defenda xurisdicionalmente os titulares deses dereitos que o pidan (iuslingüistas).

3ª Sen prexuízo dos lexítimos intereses laborais e electorais duns ou doutros colectivos, non convén confundir eses intereses de grupos cos xerais da comunidade lingüística galega.

LOIS_DE_SILAN #3 2/Decembro/2007 LOIS_DE_SILAN

Os concellos galegos nin son entes politicamente soberanos nin teñen lingua propia uns distinta da dos outros; daquela, non son eidos apropiados para teren equipos ou servizos de normalización lingüística.

Évos á Comunidade Autónoma da Galiza a quen corresponde levar a cabo as estratexias (das que aínda carece!) de garantía dos dereitos lingüísicos na Galiza autonómica (coordinadamente coas outras CCAA con competencias sobre o galego dos seus respectivos territorios).

Os da CTNL debedes esforzarvos en non confundir os vosos lexítimos intereses laborais coas esixencias obxectivas dun proceso de garantía dos dereitos lingüísticos na Galiza: pulade por un Servizo Galego de Usos Lingüísticos que afronte simultaneamente tanto o uso correcto do galego coma, sobre todo, o respecto dos dereitos lingüísticos na Galiza, e deixádevos de minifundismos goros!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: