O Goberno quere pór en valor a tradición das peregrinacións marítimas a Compostela, que na Idade Media realizaban a maioría dos visitantes, os menos podentes.
O Goberno pretende recuperar a tradición das rutas marítimas a Compostela que na Idade Media realizaban a maioría dos peregrinos. Daquelas, os camiños por terra -tal como o Francés- eran maioritariamente utilizados polos nobres.
Para iso, e en recoñecemento daqueles romeiros que continúan mantendo viva esta peregrinación, buscará irmandar o vindeiro ano a que se realiza dende Irlanda con outras que parten dende diferentes portos de Europa.
O director xeral de Turismo, Rubén Lois, deu a coñecer esta semana a iniciativa, na presentación dunha revista, editada por vez primeira en galego, da Fundación Ruta do Mar de Arousa e Ulla. Rubén Lois anunciou que dende o departamento que dirixe tentarán concretar o irmandamento o vindeiro mes de maio en Dublín.
Dende os mares do Norte até a costa Ártabra
Precisamente, neste ano, recordou, producíronse dúas peregrinaxes por mar "emblemáticas". Unha, protagonizada por membros do Club Náutico de Orio, que todos os anos percorren o Cantábrico dende Euskadi; e outra, por peregrinos irlandeses que rememoran con periodicidade esta vía marítima, moi utilizada no século XV.
Naquela época, dende os afastados portos do Báltico, dos países escandinavos, británicos e irlandeses, chegaban peregrinos a Galiza. Ferrol e A Coruña eran os enclaves aos que tradicionalmente chegaban, e eran punto de partida deica Compostela.