Con esta mostra conmemórase o centenario do nacemento do 'Poeta de Tras-Os-Montes'.
O escritor Miguel Torga, unha das máis importantes figuras da literatura portuguesa, será o protagonista dunha exposición que se poderá ver ao longo deste mes en Compostela. A mostra fórmana unha serie de paneis con textos e imaxes sobre a vida e a obra do autor, xunto cunha selección de exemplares dos seus libros.
O escritor portugués naceu en 1907 en Vila Real e converteuse nunha das figuras máis destacadas das letras lusas do século XX. Coñecido como o poeta de Tras-Os-Montes, escribiu poemas, contos, novelas e teatro. Da súa produción destacan a novela autobiográfica A criação do mundo, os Contos da montanha e os seus Diários.
A exposición, organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte, poderase visitar até o 31 de decembro na Aula Sociocultural da Fundación Caixa Galicia en Compostela. Este proxecto enmárcase no Programa Interreg III da Unión Europea e pretende facer do intercambio cultural entre Galicia e Portugal un factor de achegamento e coñecemento mutuo.