Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN SARGADELOS: "CABEZAS", DE DANIEL BEMBIBRE

Tatuando as paredes con faces totémicas

En Sargadelos os muros enchéronse, de arriba a baixo, de faces. Faces grandes, simplificadas. A técnica do cómic?

Lito Caramés - 09:00 07/12/2007

Moitos dos rostros que nestas datas tatúan a sala da Galería Sargadelos-Barcelona -rostros con nome- son froito do traballo que comeza na fotografía. Manipulando as instantáneas, Dani Bembibre vai eliminando detalles, perdendo lastre, até reducir as faccións a catro liñas principais e definidoras. Como se, destemido, quixese facer terapia e burlarse do "Horror vacui" da arte europea. Daniel é o artista que chegou do frío. Viviu en Helsinki e estudou na UIAH (Universidade de Artes e Deseño de Helsinki). O ano pasado xa presentara, nunha tenda do Raval, o seu traballo Put Things In Order , unha escolma de obras baseadas na fotografía e que formaba parte do programa do BAC 2006. Naquel espazo téxtil e cálido as creacións de Daniel ironizaban e filosofaban sobre espazos, sobre o tempo.



Nesta nova entrega Bembibre constrúe cabezas totémicas. Facianas grandes, todo o que da de si a altura da Galería Sargadelos. Non é a primeira vez. As fotos que conformaban Put Things In Order eran de formato grande. A Bembibre vanlle os espazos abertos e xenerosos.



Camiñar pola exposición de Sargadelos-Barcelona é descubrir un novo espazo na galería, saber que hai alí e agora un territorio de xigantes nacidos da propia parede. O novo territorio é fraga de formas negras, souto de ocos riscados. Daniel é querencioso co xogo natureza-humana loita. No bandullo da construción arquitectónica, o artista inventa o bosque. E inverte o orde, as cabezas que se aproximan a contemplar a creación -as nosas sorprendidas cabezas- son cativas, limitadas en volume e capacidades. Por contra, as que están a nos mirar desde a foresta de sinais e de riscos son monumentais. Esaxeran o volume. Os rostros son planos, marcando as dúas dimensións. Pero, como envolven a quen se atreve a subir e miralas, provocan outros planos, outras dimensións. E o visitante cae nas redes, é aducido para a obra total, acaba no centro da mesma.



Hai que salientar que hai reproducións máis cativas para quen se sinta gañado pola estética primaria dos trazos mínimos e decida levar algunha face consigo.



Quen vai á Galería Sargadelos Barcelona ha esperar que suceda calquera cousa. Xa pode sentirse mordido por un can palleiro -identidade colectiva- xa ensarillado na troleirada de rúa e conto. E senón a sorpresa vén cando nos din que están "Pintando Pintura" (un tal Cabezas), ou das "Cabezas" que agora miran de retratar a nós mesmos.



EXPOSICIÓN EN SARGADELOS: "Cabezas"



Galería Sargadelos Barcelona


Provença, 276, 08008



Até o 16 de decembro de 2007.


1,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: