Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OPINIÓN

Estamos mal..., pero imos indo ben

Non hai nada que favoreza tanto a creación de riqueza e o progreso social coma a confianza no éxito.

Antón Costas Comesaña - 18:30 07/12/2007

As historias do desenvolvemento dos países confirman este aserto. Dicíanolo de xeito máis pedestre o noso adestrador de fútbol no instituto: se ao tirares o penalti pensas que o vas fallar, seguro que o fallas.

O pesimismo, pola contra, dificulta o dinamismo emprendedor e mais a creación de riqueza. Os derrotistas compórtanse coma os que guindan pedras sobre o seu tellado, ou os que cospen para arriba. Prexudícanse a si mesmos e aos que están ao seu redor.

Por iso é preocupante o pesimismo e mais o derrotismo que difunden unha parte dos nosos responsábeis políticos e algúns representantes corporativos, apoiándose nas incomodidades e molestias que causan as novas infraestruturas de Barcelona.

Ese pesimismo estaría xustificado de seren as molestias producidas por túneles, aeroportos ou vías que caen de vellas. Pero non neste caso, cando as incomodidades son consecuencia de investimentos en novas infraestruturas que van favorecer o progreso económico e mellorar o noso benestar.

Deberían terse planificado mellor. Sen dúbida. Por iso hai que esixir responsabilidades a todos os niveis. Pero, non hai que o esquecer, sempre se terían producido molestias e incomodidades. Porque construír novas infraestruturas nunha cidade densamente poboada e edificada como Barcelona é coma meterse a facer obras de mellora na propia vivenda: as incomodidades e molestias son inevitábeis. Pero cargamos con elas porque son o prezo que hai que pagar para ter maiores comodidades no futuro.

As cidades dinámicas, emprendedoras, exitosas, son cidades incómodas. A incomodidade é unha compoñente do progreso, do cambio. O que queira comodidade que vaia vivir a cidades-balneario, coma Alacante ou Miami.

As incomodidades que sufrimos son máis intensas debido a que Barcelona permanece acantoada polo Estado dende 1992. Pero tamén porque o poder autonómico receou dela, esquecendo que a Barcelona metropolitana é o corazón do país e que, se falla, deixará de bombear a riqueza que circula polo resto das veas e arterias de Cataluña.

Se cadra é por ser conscientes disto que os cidadáns, malia estar alporizados, amósanse máis comprensivos coas incomodidades cós propios políticos. Saben que o que algo quere algo lle custa. De aí que, ao final, premien a quen tivo a valentía de facer o que cumpría, aínda que fose molesto.

Permítanme un exemplo. Cando o alcalde Ruiz-Gallardón emprendeu en Madrid unha serie de obras de mellora, con túneles pola cidade toda, foi duramente criticado polas molestias e inconvenientes que causaban. Mais, en troques de se amedrentar, lanzou unha eficaz campaña informativa co lema imaxina que nada cambiase, lembrándolles aos madrileños que as obras eran para mellorar. Ao final premiárono coa maioría absoluta.

Por que as forzas políticas catalás e algúns representantes corporativos se botaron a liderar o malestar en troques de temperalo? Por que ese incitar os cidadáns a reclamar compensacións e gratuidade, e ese ameazar coa rebelión fiscal? Son conscientes de que están a propiciar unha cultura pedichona e querelante, que destrúe o sentido da responsabilidade individual?

Posibelmente cren que encabezando o malestar obterán réditos políticos. Pero é a estratexia do "canto peor, mellor". Será bo para eles, aínda que o dubido, pero non o é para Barcelona e para o país.

Porén, as molestias das infraestruturas non explican o pesimismo todo. Hai outras causas menos visíbeis. O pesimismo é o resultado dun virus que debilitou a confianza no espírito emprendedor catalán para afrontar o reto da globalización, e isto ten que ver coa psicoloxía social e non coas infraestruturas. Erradicalo esixe unha nova cultura empresarial.

Por iso é importante a posición que adoptou o Círculo de Economía no seu recente documento sobre a Responsabilidade social dos empresarios. Contén dúas novidades que van cambiar os termos do actual debate.

A primeira é unha autocrítica empresarial, algo que non é usual nin neste colectivo nin en ningún outro. O non tela feita con anterioridade levou as asociacións empresariais a empregar un mecanismo psicolóxico: o desprazamento da responsabilidade cara aos políticos. Todo o mao era culpa dos políticos e/ou da falla de investimentos públicos. Recoñecer a responsabilidade propia axuda a formular unha nova cultura e, por outra banda, non impide manter a esixencia de maiores investimentos públicos.

A segunda novidade é a defensa dunha nova cultura empresarial. Cultura entendida no seu senso antropolóxico: como conxunto de actitudes e de valores necesarios para ter éxito na nova economía global. O Círculo non di que se teña perdido o espírito emprendedor, senón que algúns dos valores e condutas que no pasado tiveron éxito (individualismo, santo temor ao endebedamento, o "non cambiar mentres as cousas funcionen"...) hoxe son unha rémora para o crecemento.

Non teño hoxe espazo para afondar nos elementos desta nova cultura. Pero é alentador ver como empresarios que até agora actuaban individualmente principian a se asociar para entrar en novos proxectos; e ver como empresas medianas exitosas se abren a novos investidores non para vender, coma se fixo no pasado, senón para medrar. Isto é importante. Porque cando se deixa de pensar en medrar déixase de ser empresario. Pode seguir sendo un bo xestor da súa empresa, mais non un empresario.

Está a emerxer unha nova cultura empresarial, e isto é o que me fai pensar que, aínda que estamos mal, imos polo bo camiño.


* Antón Costas é catedrático de Política Económica da Universitat de Barcelona.

[Texto publicado na edición de Cataluña de El País (21/11/2007) e vertido ao galego coa autorización do autor.]

Tradución: Esteve Valls


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: