Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á reforma dos plans Leader (1)

Viraxe estratéxica para aproveitar os fondos da UE descontrolados

Esta semana coñeceremos a estratexia de gasto que Medio Rural propón para os novos fondos Leader que inxectará Bruxelas. O balance do feito en Galiza durante lustros con eses cartos é exemplo do decepcionante uso das axudas europeas: anos de tempo perdido.

Redacción - 09:00 13/12/2007
A comisaria europea visitou Galiza en 2006 para advertir da necesidade de revisar a estratexia

A comisaria europea visitou Galiza en 2006 para advertir da necesidade de revisar a estratexia

Manexo clientelar dos cartos, ausencia de criterios claros na concesión de axudas, subvención a proxectos inexistentes... Problemas todos debedores da falta de estratexia para aproveitar a inxección continua de miles de millóns de euros que chegaba de Bruxelas. Un conxunto de presuntas irregularidades que abrollaron á beira da aplicación dalgúns proxectos europeos que foi polémica durante anos no debate político e social. PSdeG e BNG criticaron en reiteradas ocasións o clientelismo e a improvisación que, na opinión de responsábeis destas formacións políticas, caracterizaron o uso das axudas europeas no longo treito do PPdeG no goberno.

Onde podíamos estar, e onde estamos...
Nunha situación normal de xestión a renda media de Galiza podería ser como mínimo "un 20% maior" do que é na actualidade. Nesa análise coincidiron diversos expertos internacionais convidados ao foro organizado a finais de 2005 pola Xunta en colaboración coa Zona Franca de Vigo.

Aínda máis, cunha estratexia ambiciosa, falouse naquela xuntanza de cifras posíbeis de até un 40% por riba do PIB medio actual. Economistas coma o sueco Christer Aplund referíronse criticamente ao inexplorado potencial do país e sinalaron que non debera haber escusa para que a vizosa entrada de subvencións europeas fomentase niveis de crecemento económico de até máis do dobre do que foron as cifras reais desde a década dos 90.

Cambio de goberno, cambio de prioridades
"Vexo un importante cambio de estratexia", felicitou Danuta Hübner, comisaria europea de Política Rexional, cando en xuño de 2006 visitou o país para valorar a vontade da Xunta de revisar o deficitario aproveitamento dos fondos europeos. Advertiu Hübner de que esta podía ser "a última oportunidade" para Galiza.

No documento presentado polo Goberno a Bruxelas, aparecía un compromiso claro: tecnoloxía, innovación, patrimonio e valorización dos recursos naturais.. estabelecer como obxectivos prioritarios o que até ese momento só recibía apenas o 10% do investimento total. Xavier Vence, catedrático de Economía da USC, ten escrito ao respecto do bo ritmo económico das rexións europeas que seguiron estratexias de equilibrio entre os grandes eixos dos fondos estruturais e pola contra, avisa do "considerábel fracaso" no camiño da converxencia das áreas que primaron "case exclusivamente un deles, en especial o de infraestruturas de transporte", como é o caso de "Valencia, Asturias ou Galiza".

Plans Leader: demasiados exemplos do que non se fixo e do que se pode facer
Na altura de decembro de 2005, cando a Consellaría de Economía acababa de expoñer o seu primeiro guieiro estratéxico para os fondos europeos, o propio conselleiro, Xosé Ramón Fernández Antonio, laiábase da herdanza recollida polo actual executivo. "Outros empregaron mellor ca Galiza os fondos europeos para gañar posicións", censuraba o responsábel de Economía.

Segundo os cálculos do actual Goberno, o último treito no que se poderá espremer a billa europea, 2007-2013, terá unha importancia fundamental na consecución de obxectivos concretos de crecemento económico e xeración de emprego. No ámbito dos Leader, o desenvolvemento sustentábel e a cohesión territorial son dous factores fundamentais a estimular a través dun bo uso da inxección económica da UE.

Novos criterios para o rural
Desde Medio Rural avanzaron nas últimas semanas que a nova estratexia é primar aqueles proxectos que sexan "dinamizadores e vertebradores" das zonas onde se apliquen, e que contribúan a mellorar as condicións de vida no rural. O fomento da participación de todos os axentes sociais posíbeis a nivel local, o afrouxamento das cargas burocráticas, a transparencia nos procesos e a procura de iniciativas cunha orientación "máis de carácter produtivo", prometen ser os criterios de actuación.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: