Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
Entrevista a Juan José Ibarretxe

"Euskadi non é unha parte subordinada de España”

Dani Álvarez, xornalista de Radio Euskadi e colaborador de Vieiros, entrevista ao 'lehendakari' Ibarretxe para o último número de TEMPOS Novos, dende este martes nos quioscos. Velaquí un avance.

TEMPOS Novos - 09:00 18/12/2007

O lehendakari Juan José Ibarretxe cre que é "absurdo" enfrontarse a unha acusación penal "por dialogar", en referencia á causa aberta contra el no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) por se reunir con Batasuna, pero que non vai permitir que este xuízo lle reste forzas "agora que ETA nos quere levar atrás de novo e que Zapatero anunciou que non negociará co lehendakari o que negociou con ETA hai catro meses".

Nunha entrevista concedida á revista TEMPOS Novos, o presidente do Goberno vasco subliña que o máis importante neste conflito é "o nivel de incredulidade que existe na cidadanía". Ao seu ver, "hai unha contradición brutal", porque "o presidente español fala non só con Batasuna, senón con ETA, e non pasa nada, pero en Euskadi o lehendakari fala con Batasuna e comete delito. Iso non é aceptable. Semella que en Euskadi todo é ilegal".

Consulta á cidadanía

Neste sentido, Ibarretxe denuncia que "hai diferentes escalas de medir" e que iso explica que Batasuna estea ilegalizada no Estado español e non o estea do outro lado dos Pirineos. "Aquí, en Euskadi, propoñer unha consulta democrática sen validez xurídica pero con valor político é ilegal e inconstitucional, pero en Andalucía e en Catalunya iso se pode facer", engade.

Con todo, non quere ver relación entre a iniciativa do TSJPV e a súa proposta política de consulta, e advirte que "se alguén pensa así erra no obxectivo". O lehendakari argumenta que se ben até agora "ETA sempre tiña na súa man o interruptor para acender a posibilidade de debate entre os partidos políticos" arredor do conflito vasco, a partir do vindeiro 25 de outubro de 2008, a data fixada para a consulta, "será a sociedade vasca a que poña en marcha o interruptor".

Para iso, Ibarretxe confía en que PP e PSE tamén apoien a iniciativa, entre outras cousas porque vai ser difícil que os responsábeis destas formacións lles digan aos seus votantes: "Non, vostedes non teñen dereito a votar, decidiremos por vostedes en Madrid, con Rajoy e Zapatero".

Contactos entre o goberno español e ETA

Por último, o presidente vasco recoñece que segue a falar coa esquerda abertzale e que, aínda que descoñece se existen na actualidade contactos entre o Executivo de Rodríguez Zapatero e a banda terrorista ETA, aceptaría que os houbese "porque son necesarios". "Para amañar isto, o diálogo é fundamental. Non hai outro camiño", conclúe.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: