Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CREAN O PRIMEIRO REXISTRO GALEGO

Amplían os dereitos das parellas de feito galegas para "equiparalas aos matrimonios"

No mesmo día a Xunta aprobou o decreto de parellas de feito e as axudas económicas ás mulleres maltratadas, o chamado salario da liberdade.

Redacción - 17:47 20/12/2007
O rexistro único comezará a funcionar 20 días despois de se publicar no DOG

O rexistro único comezará a funcionar 20 días despois de se publicar no DOG

Os galegos e as galegas que o desexen xa se poden apuntar no rexistro único de parellas de feito de Galiza, posto que só deste xeito a parella pode ser recoñecida como tal. Desta volta, o rexistro descentralizarase nos concellos e provincias, que darán conta das cancelacións e modificacións que se fagan ao arquivo central.

Un novo decreto para organizar a relación económica da parella de feito
As parellas de feito son consideradas pola Xunta como "as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces e que convivan coa vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galiza, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio".

No noso país, os membros dunha parella de feito poden dar conta neste rexistro dos pactos que consideren convenientes (sempre que se cingan ás leis e que non limiten a igualdade de dereitos dos membros ou os prexudiquen gravemente) para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia. Os pactos poderán ser liquidados tamén cando a parella se separe.

A inscrición neste rexistro é de balde e hai que presentar unha solicitude acompañada da documentación acreditativa. Poderán entrar nel as persoas maiores de idade que non teñan unha relación de parentesco e que non estean nin casados nin inscritos no rexistro de parellas de feito con outra persoa. Un dos dous membros ha de ser galego e ámbolos dous han de estar empadroados no mesmo domicilio dalgún municipio do país. O rexistro entrará en vigor aos 20 días de ser publicado no DOG.

Case un millón de euros para o salario da liberdade
O Goberno vai destinar en 2008 uns 965 mil euros ás axudas económicas para as mulleres maltratadas, mais o orzamento podería medrar, segundo a demanda. Estas axudas conforman o chamado salario da liberdade, que pode chegar até 600 euros mensuais por persoa, e cóbrase, como máximo, durante un ano.

En 2007 o salario da liberdade xa posibilitou a independencia económica de 263 mulleres maltratadas en Galiza, garantíndolles unhas condicións de seguridade económica respecto do agresor, que lles axudan a dar o primeiro paso ou a consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

As axudas pódense incrementar en 50 euros máis por cada filla ou fillo menor de idade que teña a muller ao seu cargo.


2.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: