Cunha renda por habitante superior mesmo á da Coruña e Pontevedra, as provincias do interior avanzan lastradas polo déficit de "desenvolvemento, produción, actividade e servizos".
Explicárono este xoves os responsábeis do estudio socio-económico de Caixanova, resumindo en que "hai cartos" pero falta todo o demais. Trataríase dun déficit que xera altos niveis de dependencia da poboación pasiva sobre a activa debido ao problema de avellentamento poboacional, pero nun escenario que, así e todo, ofrece "potencial" para paliar a situación. Un dos colaboradores do informe, o director da área de economía do Instituto Klein, Pedro Chasco, incidiu no problema de avellentamento, sinalando que en Galiza está cinco puntos por enriba da media estatal, e que se agrava nos casos destas dúas provincias onde o 28% da poboación é maior de 65 anos.
Os investigadores tamén se referiron aos datos emprego nestas dúas provincias, no caso da de Lugo cun nivel de paro do 4,5%, por baixo da media galega do 6%. Mentres, por exemplo en Pontevedra, a cifra sobe ao 6,6%. En canto ao nivel de dependencia socioeconómica, a medición da relación de poboación pasiva que se sustenta pola activa, contraponse o caso de Pontevedra, (44,4%) co de Ourense (60,3%). A media galega deste índice queda nun 48,7%. Chasco considerou que os principais investimentos que se deben realizar nas zonas que rexistran carencias pero manteñen o seu potencial, deberán dirixirse a paliar o "problema de infraestruturas", especialmente de comunicación, e potenciar a I+D+i.