Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

Investigar para a liberdade

A asociación Verbo Xido de Terra de Montes fai público un comunicado sobre a Memoria Histórica logo de que un xulgado da Estrada absolvese o historiador Dionisio Pereiro.

Redacción - 13:45 23/12/2007

Reproducimos en Vieiros o manifesto redactado pola asociación Verbo Xido logo de que coñecerse a absolución de Dionisio Pereira, un historiador de Terra de Montes denunciado pola familia dun ex alcalde falanxista de Cerdedo polos seus traballos sobre a represión na comarca durante a Guerra Civil e a ditadura.

INVESTIGAR PARA A LIBERDADE

Durante o franquismo, nas vilas e cidades a xente pronunciaba en voz baixa os nomes daqueles que tiveron un papel activo e protagonista na represión. Nun clima de terror permanente, víanse obrigados a convivir con eles, con aqueles que lles roubaran propiedades a punta de pistola ou encabezaran os grupos de xusticieiros que asasinaron a familiares, amigos e veciños. Coa implantación do réximen democrático, a falta de vontade das forzas políticas maioritarias por aclarar todo o acontecido e recoñecer e honrar o papel de aqueles que morreron ou sufriron a represión por defenderen a legalidade republicana deixou en mans dos historiadores esta tarefa. Coa intención de que prevalecese a verdade, con mínimo respaldo institucional e expostos a verse denunciados xudicialmente ou ameazados polos seus devanceiros, un grupo deles encarou o reto.

Nel figura Dionisio Pereira González. O seus traballos (Os mortos esquecidos, radiografía da represión franquista nun pequeno concello rural: O caso de Cerdedo (Pontevedra), publicado nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003, e o libro A Segunda República e a represión en Cerdedo, editado pola Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido e a Xunta de Galicia) serviron para ver imprimidos nun papel por primeira vez os nomes das víctimas e tamén dos represores, aqueles nomes que durante décadas foran pronunciados en voz baixa, co único obxectivo de que se soubese a verdade e renderlles un tributo de gratitude a aqueles que loitaron pola democracia.

A resultas de tal iniciativa, foi denunciado polos familiares de Manuel Gutiérrez Torres, ex xefe da Falange e alcalde de Cerdedo nun periodo comprendido entre 1940 e 1950, e de Francisco Nieto González (falanxista) os que citou como “persoas sinaladas pola súa particiación nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos” e como “presuntos represores”. A sentencia firmada pola titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de A Estrada, María Pedreira García, absolve a Dionisio Pereira e conclúe que en ningún momento vulnerou o dereito á honra dos familiares de émbolos dous.

No capítulo de Fundamentos de Dereito, a sentencia asinada o 7 de decembro cita os casos abertos a raíz de dous libros nos que se lle imputa a unha persoa a intervención no asasinato dun sacerdote (xaneiro de 2004) e, a outra, a un militar a responsabilidade de porse á fronte dun pelotón de fusilamento (febreiro de 1993). En ámbolos dous, os xuíces coincidiron en suliñar que non é tarefa das instancias xudiciais declarar cal é a verdade histórica, nin xulgar se os historiadores acudiron ás fontes fiables de coñecemento.

A terceira referencia na que está asentado o fallo absolutorio (marzo de 1999) derívase dunha denuncia que ten a súa orixe nunha reportaxe de televisión sobre as circunstancias dun consello de guerra que concluíu coa execución “de un conocido político catalán en Burgos” (o anarquista Salvador Puig Antich). “Cuando surge la colisión entre los derechos fundamentales de libertad de información y expresión y al honor (…) la delimitación (…) ha de hacerse caso por caso y sin fijar apriorísticamente los límites entre ellos”, indica. Tamén resalta que “la tarea de ponderación ha de llevarse a cabo teniendo en cuenta la posición prevalente, que no jerárquica o absoluta (…) que ostenta el derecho a la libertad de expresión e información”.

A sentencia do Tribunal Constitucional (TC) de marzo de 2004, referida ó mesmo procedemento resolve que “es preciso señalar que las valoraciones y juicios sobre los hechos históricos, y no sólo sobre la actualidad o sobre el pasado más próximo, son tan inevitables como necesarios, sin perjuicio de la dificultad de que alcancen consenso o valoración unánime. (…) La posibilidad de que los contemporáneos formemos nuestra propia visión del mundo a partir de la valoración de experiencias ajenas depende de la existencia de una ciencia histórica libre y metodológicamente fundada”, engade.

“El debate histórico disfruta en nuestra Constitución de una protección acrecida respecto de la que opera para las libertades de expresión e información, ya que (…) se refiere siempre a hechos del pasado y protagonizados por individuos cuya personalidad, en el sentido constitucional del término, (…) se ha ido diluyendo necesariamente como consecuencia del paso del tiempo y no puede oponerse, por tanto, como límite a la libertad científica con el mismo alcance e intensidad con el que se opone la dignidad de los vivos”, pode lerse no fallo do TC. “Sólo de esta manera se hace posible la investigación histórica, que es siempre, por definición, polémica y discutible, por erigirse alrededor de aseveraciones y juicios sobre cuya verdad objetiva es imposible alcanzar plena certidumbre. (…) Son los propios ciudadanos quienes, a la luz del debate historiográfico y cultural conforman su propia visión de lo acaecido, que puede variar en el futuro”.

Atendendo a estas premisas, a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción da Estrada mantén que os traballos realizados por Dionisio Pereira “no tienen contenido difamatorio, ni, en palabra de los actores (denunciantes) en el acto del juicio, les ha supuesto de facto un rechazo o perjuicio hacia sus personas por parte de los vecinos de Cerdedo”. Así mesmo, sostén que “las afirmaciones que los demandantes consideran atentatorias para su honor han sido realizadas a través (…) de testimonios de las personas coetáneas a los hechos (…) por lo que no se desprende ni ánimo de dañar el honor, (…) ni ánimo vengativo (…) ni tampoco –al menos desde el punto de vista jurídico- una absoluta y total desconexión con la realidad histórica estudiada”.

A Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido, integrada no grupo de colectivos das comarcas de Terra de Montes, Deza e Tabeirós Señor Afranio que traballa pola recuperación da memoria histórica, expresa a súa concordancia co fallo e cos principios nos que se asenta, por considerar que servirán para facilitar o labor a aqueles que, como Dionisio Pereira, só buscan a verdade ao entender que é o mínimo tributo que cómpre renderlle a todos aqueles que abriron os camiños do futuro co seu exemplo, traballando nun eido que, malia transcorreren máis de tres décadas desde a morte de Franco, segue a ser abertamente hostil. O acontecido durante a Guerra Civil e o franquismo deixará de ser unha ferida aberta para se converter nunha lección de historia cando o Goberno asuma a cota de responsabilidade que lle corresponde e o traballo de investigación que desenvolven os historiadores remate.


4,89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: