Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
USANDO BLENDER E CRYSTAL SPACE

Curta libre, longametraxe libre e, agora, xogo en 3D de código aberto

O proxecto Apricot únese aos anteriores Peach e Orange para a difusión das tecnoloxías libres no eido da creación audiovisual.

Redacción - 10:15 30/12/2007
Carátula de 'Apricot'

Carátula de 'Apricot'

Despois de ter producido unha curtametraxe libre, Elephants Dream, e de estar xa en marcha un filme de animación libre, as comunidades de Blender, con base nos Países Baixos, e Crystal Space anuncian a saída dun videoxogo en 3D de código aberto. O proxecto ten o nome en clave Apricot (albaricoque), do mesmo xeito ca o filme será Peach (pexego) e a curtametraxe fora Orange (laranxa).

O obxectivo do proxecto é crear un videoxogo de calidade empregando só software libre e fornecendo o código fonte de todo o proceso mediante licenzas libres. O xogo usará Blender para a creación dos modelos, e Crystal Space será o motor tridimensional.

Como acontecera nos proxectos anteriores, está en marcha unha campaña de venda anticipada do DVD do xogo (non confundir libre con de balde), para cubrir os gastos da produción. Ademais, as persoas que o merquen antes de febreiro aparecerán nos títulos de creto do traballo. O DVD incluirá, ademais do xogo en si, toda a documentación e o material necesario para modificalo ao gusto do consumidor.

No YouTube pódese ver unha versión de baixa calidade de Elephants Dream, que se pode descargar libremente e de balde da súa web en varios formatos, mesmo en alta definición. De feito, foi a primeira produción europea en saír en HD-DVD.


2,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: