Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Tres anos de selección

Media ducia de goles que fan historia

Daquela aínda non lle puxéramos alcuño á irmandiña, pero xa se estreaban con fútbol poderoso. Os irmandiños aspiran agora a sumar goles para a conta histórica.

Redacción - 20:30 27/12/2007

O reloxo camiñara apenas nove minutos desde que o árbitro pitara o inicio do primeiro partido da selección. Xulio Álvarez chimpa a bola desde a dereita e Nano mételle o pé para poñer o balón no fondo da rede e lonxe do alcance do meta charrúa, Carini. Facíase historia: o primeiro gol da selección galega do século XXI.

Remataba o primeiro tempo co dominio galego, asentado nun espectacular manexo do centro do campo. Vázquez e Arsenio sorrían satisfeitos desde o banquiño e preparaban os cambios da segunda parte. O segundo tempo comezaba tamén con gol. Trashorras deixáballe a pelota en magnífica cesión a Juanito e este poñía o pase da morte diante do pé de Deus, que marcaba o 2-0. E aínda viría un máis. Míchel incansábel pola súa banda centraba para Deus que pechaba así o encontro cun segundo gol, o terceiro para a irmandiña. No campo, fútbol poderoso; nas bancadas, fachenda de país. Ao final, relaxaron os irmandiños e aproveitaron os uruguaios para forzar até dous goles que inxectaron emoción no último treito do partido.

Segundo encontro: Galiza-Ecuador
A colleita de goles foi menor en 2006, cando galegos e ecuatorianos asinaron táboas en Riazor. Con todo, encontro intenso, emoción e agasallo de fútbol para os siareiros. Iso si, o combate comezou con susto para os irmandiños, que viron parar o balón no fondo da rede galega con Ecuador adiantándose no marcador froito dun maxistral lanzamento de falta de Calle, pasada a metade da segunda parte. Malia iso, houbo tempo para o empate. A irmandiña turrou cara a arriba e en xogada persoal de Diego Castro chegaba o 1-1.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: