Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo do asasinato de Bhutto

O goberno paquistaní rexeita adiar as eleccións malia a tensa situación

O ex primeiro ministro Nawaz Sharif, que sufriu tamén un ataque armado o mesmo día do asasinato de Benazir Bhutto, acusou a simpatizantes do presidente Musharraf e anunciou o boicoteo dos comicios.

Redacción - 12:15 28/12/2007

O corpo de Bhutto foi enviado xa á súa aldea natal, Larkana, na provincia de Sindh, ao sur do país, onde milleiros de simpatizantes acudiron xa a renderlle homenaxe antes do funeral.

Segundo as últimas informacións, nos enfrontamentos de seguidores da finada ex primeira ministra Benazir Bhutto coas forzas de seguridade paquistanís, morreron xa máis dunha ducia de persoas.

Ao tempo, o Consello de Seguridade da ONU, reunido de urxencia, aprobou unha declaración de condena do atentado e pediulle aos paquistanís que se esforcen neste momento en "manter a estabilidade do país".

Belixerante crítica de Narif
"Musharraf é a raíz de todos os problemas, e non é posíbel celebrar eleccións libres con el", declarou Nawaz Sharif, ex primeiro ministro paquistaní e líder da oposición. Sharif, a quen se lle prohibiu participar nas eleccións por ter causas abertas coa xustiza e que volveu recentemente do exilio, insistiu en solicitar a dimisión de Musharraf, que na súa opinión é imprescindíbel "para salvar Paquistán".

Sharif propúxolle tamén ao seu partido boicotear os comicios e chamou a unha folga xeral este venres. "Todos os cidadáns están conmocionados e unírense á folga é un xeito de amosar a solidariedade co país", dixo o ex primeiro ministro. O propio Nawaz Sharif sufrira tamén un atentado nun acto político esta semana, cando un grupo de homes armados atacou a xuntanza, causando tres mortes e varios feridos.

Musharraf pide "paciencia"
Por outra parte, o presidente de Paquistán, Pervez Musharraf, expresou o seu pesar pola morte de Bhutto, suceso que cualificou de "traxedia para a nación". "Este tráxico incidente debera chamar a nación a cooperar e non quedar sentados até que os terroristas sexan eliminados", afirmou. Ao tempo, solicitoulle aos cidadáns "paciencia e tolerancia".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: