Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe anual do IGADI

"Transitando cara a unha estabilidade multipolar"

Baixo este título, o Instituto Galego de Análise Internacional fai repaso das claves da actualidade internacional en 2007 e apunta algunhas das perspectivas nas que fixarse en 2008.

Redacción - 14:32 02/01/2008

"A delicada situación económica de EEUU, os cambios de tendencia en África ou América Latina e a viraxe experimentada en conflitos como o de Corea do Norte ou Irán, aventuran un novo horizonte onde o compromiso pese máis que a confrontación, onde o recurso ás medidas diplomáticas deixe en suspenso o uso da forza que coas súas enormes limitacións conduciu tantos conflitos a simples canellas sen saída". Así o reflexiona Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise Internacional, Igadi, no prólogo do informe anual da entidade.

Fala así Ríos da chegada dun "terceiro tempo" da posguerra fría, logo dos chanzos anteriores marcados inicialmente pola caída da órbita soviética e posteriormente polo escenario creado desde 2001 onde o desafío terrorista foi usado para "moldear o sistema internacional conforme aos designios da única superpotencia". Nese sentido, a chegada de novos asuntos á axenda internacional e a consolidación de novos actores, serían por isto "indicios" dun novo escenario "onde o recurso ás medidas diplomáticas deixe en suspenso o uso da forza que coas súas enormes limitacións conduciu tantos conflitos a simples canellas sen saída".

O factor Bush nun ano con promesa de cambio
Consideran desde o Igadi que o relevo na Casa Branca cara a unha presidencia liderada polo candidatos do Partido Demócrata debería modificar "substancialmente" algúns postulados da política exterior dos Estados Unidos, "especialmente o seu marcado unilateralismo".

O analista Jared Larson escribe para o Igadi que malia a perda de poder en 2006, Bush demostrou non quedar como "figura irrelevante" e deu tres exemplos claros do "control do que aínda goza". Ao respecto, refírese ás cancelas que foi quen de impoñerlle aos esforzos lexislativos que abrollaron para tratar de encarar os graves problemas económicos dos EUA, recordando por exemplo o seu veto á ampliación do seguro médico para mozos; os seus obstáculos a calquera implicación seria na loita contra o cambio climático e a teima en seguir inxectando millóns de dólares para o financiamento das guerras en oriente medio sen cronograma claro para a retirada de tropas.

América Latina: cara un modelo propio?
Baixo ese título, noutro dos artigos do informe, o analista Roberto Mansilla reflexiona tamén sobre o "peculiar momento histórico" que atravesa o continente latinoamericano e pregúntase se "existe unha América Latina ou varias Américas Latinas?".

Salienta Mansilla a "interesante profusión de organismos e mecanismos dende diversas perspectivas económicas, comunicativas, enerxéticas e culturais" que abrollan nos últimos tempos, caso do Banco do Sur, Petrosur, o acordo ALBA ou Telesur, como exemplo do "esforzo de integración" na zona. Tamén se refire á evolución das relacións exteriores e a creación de novos eixes xeopolíticos, como é por exemplo o foro IBSA (India, Brasil e Suráfrica). "Neste sentido, a rexión presenta un espertar da súa conciencia e un afastamento da tradicional influencia estadounidense e europea", indica.

Poden descargar aquí o informe completo: "Transitando cara a unha estabilidade multipolar" (.pdf / 560Kb)


4.5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: