Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O proxecto SETI busca máis voluntarios

Axuda a buscar vida intelixente fóra do planeta

O programa de busca de intelixencia extraterrestre multiplicou o volume de datos obtidos e precisa máis ordenadores para analizalos.

Redacción - 11:30 05/01/2008

Como cada ano, e xa van oito, o proxecto SETI@home (Search for Extra-Terrestial Intelligence, busca de intelixencia extraterrestre) pide a colaboración de usuarios de todo o mundo para que a iniciativa siga adiante. Trátase dun proxecto de computación distribuída, formado por miles de ordenadores que procesan cadanseu anaco dos datos recibidos polo radiotelescopio de Arecibo (Porto Rico) para analizar posíbeis emisións de radio de intelixencias alieníxenas.

Desta vez, o proxecto precisa de máis voluntarios. Actualmente son máis de 170.000 os usuarios activos que empregan o tempo en que o seu computador está inactivo para analizar os datos, pero unha mellora efectuada no radiotelescopio fixo que o volume de información recibida se multiplicase por 500, o que se traduce en 300 xigabytes de datos ao día.

Isto significa que se está máis preto de atopar os arelados sinais extraterrestres, aínda que nos últimos oito anos non se chegou a detectar ningún resultado concluínte. Para colaborar é preciso descargar un programa da web do proxecto, que se encarga de descargar os paquetes de datos, procesalos, e logo enviar os resultados de volta. Adicionalmente, o proxecto substéntase economicamente con doazóns voluntarias.

Todos os ordenador da rede forman, na práctica, un enorme supercomputador. O proxecto SETI@home é un dos máis de 40 que empregan o software BOINC, da universidade de Berkeley, e que non só se dedican á busca de intelixencias extraterrestres, senón tamén á predición do clima, á análise da estrutura das proteínas, ao deseño de estratexias para loitar contra a malaria ou á busca de números primos.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: