Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tenso cruce de PSdeG e BNG

Aperitivo de labazadas preelectorais

O BNG critica a inauguración da "biblioteca sen libros". O PSdeG define de "opción menor" o papel do Bloque nas próximas xerais. Exemplos da tensión crecente.

Redacción - 09:30 05/01/2008

"Agardo que nos centremos todos neste pequeno detalle, comprar os libros e colocalos", comentou este venres o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, ao respecto da polémica inauguración esta semana da nova biblioteca da cidade, con presenza do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. O rexedor compostelán recoñeceu que as instalacións poderían nin sequera estar listas na altura do próximo mes de marzo, aínda que insistiu en botarlle a culpa á Xunta, en concreto á Consellaría de Cultura, e asegurou que o Ministerio "xa cumpriu coa súa parte".

Recordámoslles que ao fío, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, cualificara de "tomadura de pelo aos cidadáns" a visita do ministro ao centro. "A visita ten unha motivación electoral", reprochoulle Bugallo a Molina. No mesmo sentido, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, laiouse de que a colaboración entre as dúas administracións quede "malograda" polo que definiu de "visita inoportuna e ás presas para unha biblioteca sen libros".

Os grupos políticos metendo os cóbados en semana de enquisas
O cruce de declaracións no escenario político chega ademais esta semana condimentado coa publicación de dúas sondaxes preelectorais con prognóstico para os comicios do vindeiro mes de marzo. No contorno do bipartito, os cuarteis de PSdeG e BNG víronse axitados polos agoiros no reparto de escanos, especialmente no caso dos nacionalistas, o agoiro da posíbel perda do asento conseguido hai catro anos por Pontevedra.

Con ese contexto, non axudan a rebaixar a tensión as palabras do coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso, Antón Louro, electo en 2004 por Pontevedra, e quen este venres referiuse ao BNG como "unha opción menor" cara aos comicios de marzo. Na opinión de Louro, nesa altura "xógase o goberno de España, e para iso só hai dúas grandes opcións, PP e PSOE". Concedeu en todo caso Antón Louro que "a opción do nacionalismo contribúe e achega ao terreo da pluralidade e a diversidade".


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: