O Reino Unido e Noruega comparten este ano as cidades europeas "da cultura.
"Estou ben orgulloso desta cidade", comentou Paul McCartney. O ex Beatles, se é que un beatle pode ser ex, é un dos avais da capitalidade cultural da cidade que viu nacer o histórico grupo e onde bateron instrumentos algunhas outras míticas bandas, desde os Who até os Rolling.
Para este 2008 convidan aos veciños europeos a coñeceren os seus recunchos máis especiais cunha programación especial de ducias de espectáculos todos os meses. Obviamente, a música terá amplo protagonismo. O beatle Ringo Starr tocará este mesmo mes en Liverpool, e McCartney fará unha actuación especial o próximo mes de xuño. Tamén haberá espazo para outros ritmos, co protagonismo especial para Simon Rattle, prestixioso director de orquestra nado na cidade. Dunha dimensión ben diferente pero non menos atractiva para a visita é a cidade de Stavanger, en Noruega. A urbe pesqueira non gozará do tirón das estrelas musicais británicas, pero promete despregar innovadoras propostas con protagonismo de artistas do ámbito local e estímulo da creatividade dos visitantes.
As webs oficiais: Liverpool 2008 e Stavanger 2008.
En 2007 compartiron a mención a romanesa Sibiu e Luxemburgo. Recordámoslles ademais que en 2000 fora Santiago de Compostela unha das cidades que ostentaran a capitalidade cultural europea.