Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CICLO CINEMA E DEREITOS HUMANOS

Compostela conciencia a sociedade a través do cine

Do 7 ao 11 deste mes, pasarán polo Teatro Principal seis filmes de temática social, sendo a encargada de inaugurar o ciclo a premiada 'Camiño a Guantánamo'.

Redacción - 09:46 08/01/2008

Chega o novo ano, e con el o xa tradicional en Compostela Ciclo Cinema e Dereitos Humanos, que nesta ocasión conta con dous pases diarios, un ás 20:15 e outro ás 22:15. Na primeira das sesións, que terá lugar o día 7 de xaneiro, proxectaranse as películas Camiño a Guantánamo, premiada co Oso de Prata do Festival de Berlín en 2006, para contuinuar, con Bloody Sunday, de Paul Greengrass, un filme coproducido por Gran Bretaña e Irlanda que, entre outros galardóns, recibiu o Oso de Ouro de Berlín ou os premios do público de Sundance e do Festival de Cine de San Sebastián.

O ciclo continúa o martes 8, co pase de El Polaquito, un drama arxentino dirixido por Juan Carlos Desanzo, que conta a historia dun rapaz de 13 anos que gaña a vida cantando tangos na estación central de Bos Aires. Continúa coa proxección de Offside. Fóra de xogo, comedia que ilustra a loita polos dereitos das mulleres en Irán a través dunha pregunta: por que é ilegal que as mulleres iraníes xoguen ao fútbol? Este filme obtivo o Gran Premio do Xurado do Festival Internacional de Cine de Berlín en 2006, así como o Premio Xove e o Premio á Mellor Actriz no Festival de Cine de Xixón dese mesmo ano.

Ararat e Offside pechan o ciclo
A terceira entrega do programa conta cos filmes Apaga e vámonos de Manel Mayol, que a partir das 20:15 do mércores achegará aos espetadores a histora da construción da presa Ralco, que levantou Endesa no río Biobío e que se convertiu na terceira máis grande do mundo. Esta presa, calificada pola universidade ARCIS de Chile como un xenocidio, viola os dereitos humanos do pobo mapuche, segundo indica a ONU. O filme obtivo, entre outros, os premios de Mellor Filme no Festival de Toronto, ou a Mención de Honor no Festival de Cine de Bogotá.

O último día do ciclo, o xoves 11 está previsto o pase de Ararat, un filme de Atom Egoyan no que queda reflectido o conflito de Armenia e Turquía a través da historia contemporánea de dúas familias separadas e a súa busca da reconciliación e a verdade, enfrontándose a un pasado terríbel e a un presente complicado. O filme conseguiu nos premios de cine canadiense os galardóns á mellor película, actor de reparto, actriz, banda sonora e deseño de vestiario. Xa na segunda sesión, ás 22:15, proxectarase Offside, de Panahi.

O prezo para os filmes é de 3 euros por película, podendo mercarse un abono para as 6 cun custe de 12 euros. As entradas poden recollerse nas taquillas do Teatro Principal a partir das 18:00.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: