Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras unha longa enfermidade

Fina frei Xosé, bispo emérito de Lugo

O prelado, que pasou 27 anos da súa vida á fronte da diócese lucense, era moi admirado pola súa sinxeleza no trato.

Redacción - 11:25 08/01/2008

O bispo emérito da diócese de Lugo, Xosé Hixinio Gómez González (Lalín, 1932), finou na madrugada do luns ao martes, ao redor das 3.15 horas, no Hospital Policlínico Lucense (Polusa) aos 75 anos de idade a consecuencia dunha parada cardio-respiratoria tras unha longa enfermidade oncolóxica, segundo informou o bispado lucense que lembrou, ademais, que o prelado confesaba que "quería ser lembrado como un fiel servidor de todos e como alguén que sempre soubo estar preto daqueles que o necesitaban".

Frei Xosé, ingresado desde o pasado 27 de decembro, foi durante 27 anos bispo de Lugo deica que presentou a súa renuncia ante o papa e foi sucedido por Afonso Carrasco Rouco (sobriño do cardeal Rouco Varela) o pasado 30 de novembro.

A capela ardente estará instalada dende as 16.00 horas deste martes no Pazo Episcopal de Lugo, e o enterro terá lugar, por vontade expresa do finado, na capela de San Froilán da Catedral en data aínda sen confirmar. Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo, afirmou que frei Xosé "deixou unha pegada indelébel na diócese de Lugo e nesta cidade, con independencia das crenzas de cada un".

O pasado 17 de decembro, o franciscano recibiu o título de Fillo Adoptivo de Lugo. Cinco días despois varios lucenses rendéronlle unha homenaxe popular, sen convocatorias oficiais, fronte ao Pazo Episcopal onde se leu un manifesto e interpretáronse varias pezas musicais. Frei Xosé Gómez saíu á fiestra para agradecer esas mostras de agarimo. O prelado tamén lle dará nome a unha rúa da súa localidade natal, por iniciativa do actual rexedor, Xosé Crespo.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: