Persoeiros da cultura galega reuníronse este luns para conmemorar o 58 aniversario do pasamento deste egrexio galeguista.
Son xa 58 os anos que distan da morte de Castelao. Como cada aniversario, hai quen non esquece esta data e rende a súa particular homenaxe ao pensador galeguista. O Panteón de Galegos Ilustres, situado na compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval, foi o escenario onde importantes personaxes da cultura do noso país se deron cita para conmemorar este aniversario.
Dende a Fundación Castelao, David Otero encargouse de lembrar a memoria do galeguista e o papel fundamental que xogou na política galega. Así mesmo, sinalou que aínda que a liña seguida por Castelao non é compartida por todos, si debería recoñecerse a súa persoa como unha icona da historia de Galiza.
Tampouco quixo desaproveitar a ocasión Pedro Piñeiro. O alcalde de Rianxo, vila onde naceu o homenaxeado, reclamou un trato político máis acorde á labor que Castelao realizou ao longo da súa vida. Pola súa banda o presidente da Fundación que leva o nome do pensador, Avelino Pousa Antelo, mostrou a súa intención de que a entidade que preside conte cun local adecuado ás súas necesidades, e de que o Panteón de Galegos Ilustres dignifique a figura de Castelao.