Un mozo foi abatido a tiros pola policía durante a ocupación dunha propiedade agrícola, a pasada semana. Mentres, os presos mapuche seguen a folga de fame comezada en outubro.
Unha protesta pola morte do mozo
A pasada quinta feira Matías Catrileo Quezada, comuneiro Mapuche e estudante de Agronomía na Universidade de La Frontera, en Temuco (Chile), participaba, xunto con outros vinte comuneiros, nunha acción de reivindicación dun asentamento antigo da comunidade Llepuco, na localidade de Vilcún na Rexión da Araucanía (a uns 690 quilómetros ao sur de Santiago).
Na madrugada o grupo de comuneiros entrou nunha facenda, e foron sorprendidos queimando uns feixes de herba por membros do Grupo de Operacións Especiais (GOPE), que estaban vixiando o lugar. Uns destes policías disparou cara o grupo, causando a morte de Matías Catrileo Quezada. O cabo segundo Walter Ramírez Espinoza foi detido como autor dos feitos, e agora está en prisión preventiva, á espera de xuízo.
As organizacións de dereitos humanos esixen unha investigación
As organizacións de dereitos humanos en Chile (entre elas a Asociación de Familiares de Detenidos Desaparecidos, que condenou, nunha súa nota, o silencio do goberno chileno ante a morte do mozo) estiveron toda a semana esixíndolle ao executivo de Michelle Bachelet que investigase o asasinato do mozo mapuche, e que fosen sancionados os culpábeis. Na tarde da segunda feira o policía autor dos disparos era encarcelado.
Esta xa á o segundo comuneiro mapuche asasinado pola policía, desde que en 2003 Alex Lemún morrese noutro enfrontamento nunha outra facenda privada, defendida polas forzas de seguridade.
Os presos mapuches a piques de cumprir os tres meses en folga de fame
Este feito acontece no medio das protestas de varios presos mapuches en Chile, que levan dende o 10 de outubro en folga de fame, para reivindicar os seus dereitos como etnia (recuperación dos antigos asentamentos do seu pobo e as fontes de auga) e para que non se promulgue unha nova lei, proxectada polo goberno chileno, que equipararía as súas accións reivindicativas aos actos terroristas.