Entre os restantes premiados, Sánchez Dragó na categoría de Comunicación e Celia Fernández na de fotografía.
Os premios Cultura Viva chegaron á súa XVII edición, recoñecendo nesta ocasión a traxectoria profesional do vigués Juan Pinzás no mundo do cine. Pinzás dirixiu catro longametraxes e ducias de curtas, e converteuse no ano 2000 no primeiro director do Estado que se adscribía ao movemento Dogma iniciado por Lars Von Trier. Foi con Era outra vez, continuada por outros dous filmes, Días de voda e O Desenlace, que conformaron unha triloxía. Antes, en 1995, levara o Colón de Plata no Festival de Cine Iberoamericano de Huelva con A lenda da doncela, que obtivo o premio á mellor película no Festival de Cine Hispano de Miami en 1996.
O xurado estivo conformado polo poeta Luis Alberto de Cuenca, a bailarina María Jiménez, o crítico cinematográfico Fernando Alonso Barahona, entre outros. Entre os restantes premiados están o escritor Fernando Sánchez Dragó, que recibiu a distinción na categoría de Comunicación polo informativo que dirixe en Telemadrid ou a fotógrafa Celia Fernández. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o día 6 de xuño de 2008 nun teatro de Madrid.