Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Coche do Pobo

O vehículo máis barato do mundo custa 1.700 euros

A empresa que o sacou ao mercado reduciu ao máximo os custes de produción para facilitar a compra aos habitantes da India.

Redacción - 10:36 10/01/2008

A empresa Tata Motors presentou na Feira automobilística de Nova Delhi un vehículo que se poderá mercar na India polo módico prezo de 1.700 euros. Con esta iniciativa, o denominado Coche do Pobo convértese na alternativa perfecta para moitos dos habitantes deste país, que actualmente non posúen un automóbil propio ou utilizan as motocicletas como coche familiar.

O vehículo ten unha potencia de 70 cabalos e un motor de 650 centímetros cúbicos. Pero a competencia non se fai esperar, e os magnates de Suzuki xa están a cavilar na creación dun coche barato para a India, mentres que Renault-Nissan agarda sacar un modelo de 3.000 dólares o ano que vén.

Para lograr un prezo tan asequíbel, Tata Motors recortou o custe de todas as pezas que puido , pero tamén hai que ter en conta que na India, o traballo dos enxeñeiros pode custar até un 20 por cento menos que nos Estados Unidos.

Aínda non chegará a Europa
Nos mercados europeos xa están á venda algúns dos modelos de Tata Motors. Malia isto, aínda non vai exportar a Europa o Coche do Pobo, xa que, segundo indica a compañía india, adaptalo á normativa europea incrementaría o seu prezo até uns 5.500 euros.

Ante esta nova proposta, os grupos ecoloxistas non tardaron en amosar a súa preocupación, xa que a venda en masa do novo coche pode provocar unha aínda maior contaminación nas cidades indias. Por parte de Tata Motors, aseguran que o vehículo non contamina moito máis que unha motocicleta, e que ademais, coa aparición deste Coche do Pobo, moitas familias poderán deixar de usar a moto coma se fose un vehículo familiar, transportando tres ou máis pasaxeiros cando realmente están pensadas para un máximo de dous.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: