Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Álvaro Pino, director deportivo do KGZ

"Non me gusta nada a situación á que chegou o ciclismo"

Pino falou con Vieiros sobre a súa decisión de deixar o cargo cando remate a tempada, aínda que non desbota seguir traballando co clube noutro posto.

A. Rodríguez - 19:11 11/01/2008
Serrano abandonou esta semana o KGZ

Serrano abandonou esta semana o KGZ

Esta semana o KGZ anunciaba a marcha de Marcos Serrano, quen, no momento da súa fichaxe, estaba chamado a ser o xefe de filas do equipo. O corredor de Chapela deixaba de pertencer ao equipo porque non conseguiu o que agardaba na pasada tempada, na que arrastrou sempre a súa presunta implicación na chamada "Operación Puerto", relacionada coa dopaxe no ciclismo estatal. Ao estar o seu nome entre os, xa arquivados, sumarios da investigación, moitas dos organizadores das carreiras e mesmo os organismos ciclistas estatais, non o querían nas probas. Isto fixo que o KGZ e mailo corredor, de mutuo acordo, decidisen rescindir o contrato de Serrano.

Nun seu comunicado o equipo evitaba falar da dopaxe, mais salientaba que "as pautas que marcan agora a este deporte dificultaron a presenza do corredor nas probas máis relevantes", un contexto que, segundo contan, aínda se mantén, polo que a situación de Serrano no ciclismo profesional está marcada polas decisións que veñan doutras entidades, alleas ao clube.

Pino está desencantado da situación actual do ciclismo
Vieiros falou con Álvaro Pino, actual director deportivo do KGZ, quen dixo estar desencantado co ciclismo en xeral. "De director deportivo do Karpin xa teño claro que non vou continuar. Se cadra si noutro departamento do equipo", dixo Pino.

Para o ex ciclista profesional a dopaxe non é a causa mesma desta estraña situación que está a vivir o mundo do ciclismo: "a dopaxe é unha escusa para tapar o gran problema, que é a loita polo poder que existe na UCI nas organizacións das grandes voltas, que colle polo medio e afecta aos equipos, aos patrocinadores que poñen o diñeiro e aos propios ciclistas", salientou Pino.

O director deportivo do KGZ tamén quixo salientar que todas estas loitas de poder tamén lle afectan ao seu equipo, xa que fai "que uns corredores poidan competir e outros non. Se un corredor é 'sospeitoso', así entre comiñas, xa non se pode aliñar, sen que se faga ningunha investigación" sobre as posíbeis dopaxes, dixo Pino.

"Tiña esperanza de que a cousa se fose regulando...", mais xa está canso
O ex ciclista "tiña a esperanza de que está situación se fose regulando", pero, segundo contou, a cousa "foise enrevesando e xa non ten solución... e eu xa estou canso".

Ao preguntarlle pola marcha de Serrano, Pino quixo lembrar que a "Operación Puerto" "xa está arquivada polos estamentos xudiciais, pero os estamentos deportivos din que non, e aquí hai varias incongruencias. E tamén é cousa dos propios organizadores, que nunhas roldas déixanlles participar a estes ciclistas, e noutras non".

"Eu creo que o que deberían facer é sancionalos (de feito hai moitos que levan sancionados máis de ano e medio), pero non dan feito nada... os civís xa arquivaron o caso, pero os estamentos deportivos non saben, non poden, ou non queren, ou eu que sei! Non ten un sentido! É incríbel!", terminou Pino.


Ligazóns

4.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Álvaro Pino, sorrinte nunha foto-presentación do KGZ
Álvaro Pino, sorrinte nunha foto-presentación do KGZ
Metido no automóbil do equipo
Metido no automóbil do equipo
Asinando autógrafos na pasada edición da Vuelta a España
Asinando autógrafos na pasada edición da Vuelta a España