O sindicato nacionalista adíántalle por primeira vez na súa historia a CC.OO. Mentres, UXT consolídase como sindicato hexemónico ao lograr o 31,4% de representantes.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) repasou este mércores no seu local nacional o resultado das eleccións sindicais no período 2003-2007. O secretario xeral, Suso Seixo, que estivo acompañado de toda a executiva do sindicato, subliñou que o novo panorama “marca un fito histórico” xa que por primeira vez a organización nacionalista pasa a ser a segunda forza do país co 28,6% dos delegados totais (UXT logra o 31,4 e CC.OO o 28,3%).
Seixo destacou que a organización que dirixe é primeira forza nas comarcas de Vigo, Ferrol, Santiago e na Mariña de Lugo. Ademais a CIG convértese en forza hexemónica nos sectores de Mar, Metal, Químicas, Ensino Público e Sanidade. Mais o secretario xeral coida que o sindicato está nunha boa posición para intentar ser a primeira forza sindical do país nos próximos catro anos.
Dende a organización nacionalista coidan que é especialmente relevante que “o éxito veña sen abandonar o noso modelo sindical participativo, combativo e claramente galego”. Respecto aos dous anos e medio de bipartito na Xunta, Seixo sinala que, aínda que houbo algúns cambios, “non podemos estar satisfeitos”. Lembrou que, aínda que é certo que se está a crear emprego, continúa a precariedade laboral e que en 2006 40 mil persoas buscaron o seu futuro fóra do país.
UXT, sindicato hexemónico dende 1986
A Unión Xeral de Traballadores tamén difundiu tamén este mércores os resultados electorais do período 2003-2007. Dende o sindicato recordan que as cifras volven a mostrar un traballo que permite que a UXT lidere as eleccións de delegados dende 1986. A UXT conseguiu ser a forza máis votada nas bisbarras da Coruña, Barbanza, Cee, Lugo, Lemos, Valdeorras, Ourense, Deza e Arousa.