Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
19 MILLÓNS DE EUROS DE INVESTIMENTO

Comeza a funcionar o supercomputador Finis Terrae

O vicepresidente Anxo Quintana visitou o Cesga e fixo un repaso aos investimentos do Goberno en políticas de innovación.

Redacción - 17:44 17/01/2008
O supercomputador Finis Terrae

O supercomputador Finis Terrae

O supercomputador Finis Terrae comezou a funcionar este xoves en período de probas, para estar a pleno rendemento a finais de marzo. A ferramenta supúxolle ao Goberno un investimento de máis de 19 millóns de euros. A este orzamento haille que sumar outros 20 millóns para a construción do novo edificio do Centro de supercomputación (Cesga), onde se aloxa o ordenador, no 2010, e 20 máis para incorporar 145 investigadores de todo o mundo antes de 2010.

Coincidindo coa entrada en funcionamento de Finis Terrae, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitaron as instalacións do Cesga, situadas no Campus Sur de Compostela. Quintana salientou a importancia estratéxica da infraestrutura, que fornecerá de altas prestacións de cálculo a disciplinas como as ciencias do mar, a enerxía, a nanotecnoloxía ou as ciencias da vida.

O vicepresidente definiu Finis Terrae como "o Fórmula 1 da supercomputación" e unha aposta do Goberno por facer do país "unha galaxia de referencia no universo da innovación". Quintana salientou que a Xunta incrementou o investimento en I+D+i nun 138 por cento con respecto a 2004, chegando aos 176,3 millóns en 2008, e adiantou que recibirá até 405 millóns até 2013 dos fondos tecnolóxicos da UE. Anxo Quintana dixo: "Somos unha potencia en potencia; só depende de nós selo en realidade", e fixou como obxectivo mellorar a autoestima para situar Galiza na primeira liña da innovación.

Datos técnicos

Finis Terrae é o supercomputador de maior memoria compartida de Europa, con 19.000 xigabytes. Ocupa 140 metros cadrados, pesa 33 toneladas e media e dispón dunha rede de interconexión de alto rendemento entre nodos Infiniband. Funciona con software libre, ten un sistema de almacenaxe xerárquica de 390.000 xigabytes, máis un petabyte en libraría robotizada de fitas.

O 'corazón' do Finis Terrae está composto por 142 nodos de 16 núcleos de procesadores Intel Itanium 2, de 128 xigabytes de memoria cada un. Ademais, conta con dous nodos de 128 núcleos cada un, un deles con 384 Gb e o outro con 1.024 xigabytes.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: