Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE A SIRO

Quen fai rir, faise querer

O debuxante e humorista celebra a súa xubilación nun acto que salienta a súa importancia como xornalista gráfico e 'mestre' das novas xeracións de ilustradores.

Marcos S. Pérez - 11:15 25/01/2008

"Os humoristas gráficos non estabamos considerados como auténticos xornalistas"

"A retranca é unha trécola intelectual que os galegos utilizamos para defendernos"

"Unha viñeta, agora? Estou xubilado e teño continuadores que o fan estupendamente"

Até hai ben pouco dicíase que unha persoa non contaba de verdade na política galega até que Siro López non publicaba unha caricatura súa no xornal. Siro xubílase. Cumpriu 65 anos o pasado 19 de xaneiro e aínda que xa leva uns meses afastado do xornalismo gráfico, este xoves recibiu unha homenaxe, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Porque Siro é xornalista. Durante anos relatou o día a día da actualidade galega, sobre todo a política, a través dos seus cadros en El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, mesmo ocupando a portada do xornal en moitas ocasións. Os seus debuxos ían máis ao fondo da noticia que as fotos e ás veces máis que as propias informacións, crónicas e artigos. Aí están Barreiro, Beiras e Fraga coa súa gaita e representado como Fragasaurio. Nalgunha ocasión as súas caricaturas foron mesmo esgrimidas perante algún ministro para expoñer o estado da opinión pública galega sobre un asunto.

Siro traballaba en Bazán, nos anos sesenta, cando comezou a facer debuxos e caricaturas. Naquel momento comezou a publicar en Chan, a revista galega editada en Madrid. En Chan sufriu a censura franquista, que o condeou por unha viñeta na que aludía a O gran ditador de Chaplin. Librouse da cadea grazas á amnistía de 1976. Na Transición tivo tamén unha activa vida política, no PSG de Beiras, e máis adiante na coalición de Unidade Galega. Xa nos oitenta, xunto a outros debuxantes como Xaquín Marín, tivo un papel fundamental na defensa do humor gráfico galego, a través do Manifesto do Humor e da creación do Museo do Humor de Fene. Siro foi mestre de toda unha xeración de debuxantes.

Na homenaxe acompañárono moitos dos seus amigos: Xaquín Marín, Miguelanxo Prado, Xosé Luis Barreiro, Xulia Díaz, Pinto e Chinto, Xosé Luis Vilela, Xosé Manuel Vega, Xosé Ramón Pousa, o equipo de Corre Carmela que Chove ou Chelo Loureiro. Siro, tímido e modesto, recibiu o cariño de todos. Quen fai rir, faise querer.


Xosé Luis Vilela: "O xornal escribíase en castelán, pero el debuxaba en galego"

Xosé Luis Vilela, director de La Voz de Galicia, falou da actividade xornalística de Siro, que comezou en Chan, a revista que Borobó dirixía en Madrid, e que continuou durante anos en El Ideal Gallego. No xornal coruñés, durante a Transición, Siro recolleu os principais acontecementos políticos, a consolidación da democracia e a construción da autonomía, a través das súas viñetas. En 1984 Siro ficha por La Voz, onde se converte nunha peza fundamental do xornal. Vilela afirmou que as súas caricaturas políticas convertéronse durante anos "no editorial de La Voz de Galicia". Un xornal escrito en castelán, como lembra o seu director, pero no que Siro debuxaba en galego. E no que Siro, malia á súa importancia, que o situaba "nun pedestal", estaba sempre "a pé de obra".


Pinto e Chinto: "A nosa facultade de humor gráfico foi o seu despacho"

Pinto e Chinto, xornalistas gráficos de La Voz de Galicia, destacaron a Siro como o seu "mestre", e como unha persoa xenerosa que de continuo foilles dando oportunidades aos debuxantes novos. Por exemplo a través da sección que creou en 1989 no xornal, Humor galego, na que permitía publicar a novos valores. Tamén destacaron que, en gran parte grazas a Siro, o humor gráfico é considerado hoxendía un xénero xornalístico máis.


Xulia Díaz: "Siro abriume os ollos á cultura galega"

Xulia Díaz, directora da Cope en Ferrol, centrou a súa intervención á actividade radiofónica de Siro López: na emisora da Cope de Ferrol, en Radio Nacional de España e en Corre Carmela que Chove. Sempre en galego, mesmo nos primeiros anos setenta, cando as voces de Antón Santamarina, ou María Manuela e Miguel Tranquilo escoitáronse en galego en todo o Estado. E lembrou o momento en que se coñeceron: unha tarde de 1970 na que ela, no canto de ir a clase de filosofía no instituto, foi á Libraría Helios de Ferrol para acudir á presentación dun libro de Xesús Alonso Montero.


Homenaxe en directo de Corre Carmela, que chove

Tres dos integrantes do equipo do programa Corre Carmela, que chove, que durante anos dirixiu Siro, homenaxearon ao xornalista, nunha actuación en directo e improvisada, no auditorio da Facultade de Xornalismo da USC. Así, Paco Vázquez e Arsenio Iglesias falaron sobre a relación que lles une a Siro.


4.89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Debuxando a Barreiro Rivas nunha roda de prensa
Debuxando a Barreiro Rivas nunha roda de prensa
Unha das súas primeiras exposicións
Unha das súas primeiras exposicións
Con Xosé Antón Gaciño e Manolo Rivas en 1980 na presentación dun libro
Con Xosé Antón Gaciño e Manolo Rivas en 1980 na presentación dun libro
Caricatura de Siro, agasallo de Pinto e Chinto
Caricatura de Siro, agasallo de Pinto e Chinto
Actuación musical durante a homenaxe do xoves
Actuación musical durante a homenaxe do xoves