Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Fume preelectoral, candidaturas sen candidatos e enésima lea co voto emigrante

Mentres o PSdeG acusa o BNG de querer "suprimir" o voto dos emigrantes, o PSOE anuncia a creación dunha circunscrición parlamentaria para os residentes no exterior.

R.Noguerol - 09:00 28/01/2008

Curioso ciclo de acontecementos a conta do voto emigrante o vivido durante a fin de semana. O venres, o vicepresidente da Xunta aproveitaba a súa intervención diante do Foro Nueva Economía, en Madrid, para subliñar a distorsión que na opinión do Bloque introduce o voto emigrante en cada cita coas urnas. Falou Quintana de "escándalo" impensábel noutro Estado democrático e asegurou que o acontecido neste sentido "faría poñerse vermello a calquera goberno democrático". Ao tempo, utilizou o término "confabulación" para cualificar o que na súa opinión é o consenso de PSOE e PP en bloquear as reformas legais que corrixirían os problemas, co que se beneficiarían así alternativamente os dous partidos das irregularidades no voto exterior.

O PSdeG di que a denuncia é "hipócrita", o PSOE engade unha promesa
Ás palabras de Quintana respondeu con belixerancia o secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, quen insinuou que o Bloque "quere eliminar o dereito ao voto dos cidadáns galegos no exterior". Varela reafirmou a convicción do seu partido de que ese voto sexa "seguro, fiábel e transparente" favorecendo o estabelecemento dun sistema que permita o voto en urna. "É unha posición hipócrita non recoñecerlle aos emigrantes o dereito a influír na política dos gobernos", afirmou Varela.

Paradoxalmente, á falta de prazos e inconcreción que segue lastrando os discursos ao respecto do voto emigrante, poñíalle un novo ingrediente en forma de promesa o coordinador do programa electoral do PSOE, Jesús Caldera. Así, asegurou Caldera que os socialistas se comprometen a crear unha circunscrición parlamentaria onde se lle outorgue representación aos cidadáns no exterior. O paso daríase previo acordo de todas as forzas políticas con representación parlamentaria.

A proposta de Caldera rebaixaba o ton da crítica a conta do voto emigrante desde a delegación dos socialistas galegos, que se ben aseguraban ter participado na elaboración desa proposta, adiaban a súa avaliación ao fío dunhas eleccións galegas. En declaracións a Europa Press, Ricardo Varela apuntaba: "Imos ver como é a proposta", pedindo agardar a que se concrete no ámbito estatal.

Con catro anos de atraso
"O PSOE xa prometera hai catro anos o voto en urna para todos os emigrantes", recordou o coordinador da executiva do BNG. Francisco Jorquera laiouse de que case completada a lexislatura "non fixo nada ao respecto" e dixo esperar que a actual non sexa "outra escusa" para adiar novamente as reformas pendentes na lexislación electoral.

"Que sexa un galego", pide Rueda para o próximo presidente español
Pouco proveito lle tirou o PPdeG á ambiciosa convocatoria preelectoral convocada para este fin de semana en Compostela. Alén do éxito de encher o Multiusos do Sar na capital con arredor de dez mil simpatizantes e militantes, poucas chiscadelas deixou para Galiza o líder do PP, Mariano Rajoy. Cun discurso que o mesmo lle valería para calquera outra xeografía estatal, Rajoy quixo poñerlle o ingrediente galego apenas á hora de prometer un consello de ministros para a resucitación do Plan Galicia, discurso presuntamente amortizado xa en Galiza polo PPdeG e ao que non foi quen de achegar ningún tipo de concreción nin priorización.

Na falta de concreción das propostas do PPdeG para Galiza a mes e medio dos comicios, recaeu o un día máis tarde o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, quen este domingo pedía o apoio para Rajoy pola súa simple condición de "galego". "Os galegos non dubidan de que ningún presidente vai tratar mellor a Galiza que Mariano Rajoy", subliñou Rueda, asegurando que o noso país sería "prioridade" na axenda dun goberno español presidido por Rajoy.

Desde Madrid, onde participou na Conferencia Política do PSOE, o secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ironizaba este domingo coa visita da comitiva preelectoral do PP, recordando que chegaban ao acto de precampaña en Santiago sen dar a coñecer aínda a todos os integrantes das súas listas en Galiza. "Presentaron unha candidatura sen candidatos", chanceou Touriño, sinalando que alén dos cabezas de lista, as provincias galegas son as únicas para as que o PP aínda non completou as listas.

Feijoo e Quintana apúntanse ao debate da Galega
Co convite da Galega enriba da mesa, Alberte Núñez Feijoo e Anxo Quintana xa aceptaron sentar diante das cámaras nun debate electoral cara ás próximas eleccións xerais. Queda por ver a resposta do PSdeG, desde onde nos anteriores comicios municipais optaron por que o seu líder, o secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, non acudise a ese debate, trasladándolle a representación ao secretario de Organización, Ricardo Varela.

Por outro lado, Núñez Feijoo insiste tamén en que os cabezas de lista a Congreso e Senado por cada unha das provincias poidan tamén confrontar opinións e propostas diante das cámaras. "Os cabezas de lista do PPdeG estarán a disposición dos medios de comunicación para debater sobre os catro anos do goberno socialista de Zapatero, así como para expoñer as propostas dos populares para o conxunto de España", expuxo Feijoo este domingo.

Este sábado, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, xa confirmara en acto público que estaría no debate proposto pola TVG xunto aos líderes das outras formacións políticas.


4.71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: