Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
XERAIS08

O PPdeG pecha filas arredor de Rajoy cunha lista 'cociñada' ao gusto de Madrid

A candidatura do presidente do PP coruñés, Juan Juncal, ao Senado abre a porta ao seu relevo na estrutura conservadora.

R.V. - 18:31 28/01/2008

O PPdeG deu a coñecer este luns as súas listas ao Congreso e ao Senado. O noutrora coñecido como “sector do birrete” copa as candidaturas nas catro provincias. A maioría dos elixíbeis son xente da máxima confianza do propio Mariano Rajoy.

Na Coruña, o cabeza de lista, Antonio Erias, estará acompañado por Xerardo Conde Roa (número dous); Arsenio Fernández de Mesa (tres); e Belén do Campo (catro). Todos eles homes e mulleres da  corda do que fora barón do PP coruñés, o ex conselleiro e ministro Romay Beccaria. Porén, chama a atención o feito de que o actual presidente provincial Juan Juncal encabece a lista ao Senado, logo de intentar sen éxito liderar a lista ao Congreso. A decisión de enviar a Juncal á Cámara baixa española é interpretada por moitos como “unha saída” que lle está a buscar o partido para sacalo da dirección provincial, onde está a ter unha forte contestación, tanto da militancia como dos alcaldes.

En Pontevedra, ademais de Ana Pastor, estarán nos primeiros postos o vigués Javier Jorge Guerra, un home que conta cos parabéns das diferentes sensibilidades; e a filla do ex alcalde de Ponteareas, María Nava Castro, como compensación polo seu paso ao PP. O número catro é para María Ramallo (Marín), unha muller moi próxima a Núñez Feijoo. A lista ao Senado encabézaa a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, que está acompañada dunha persoa estreitamente relacionada coa ex ministra Ana Pastor, a pontevedresa Dolores Pan.

Adeus a Cacharro

En Lugo, a noutrora longa man de Cacharro Pardo queda definitivamente amputada, logo de que o PP xa anunciase hai días que un dos seu maiores inimigos internos, Joaquín García Diez, encabezaría a lista. O posto número dous é para a alcaldesa de Sober, Raquel Arias; e o terceiro para Olga Iglesias (Triacastela). Xosé Manuel Barreiro tamén colle o camiño do Senado, como compensación logo da progresiva perda de poder no PPdeG.

En Ourense, canda Celso Delgado (home moi fiel a Rajoy), estarán o decano de Empresariais, Jesús Vázquez e Ana Belén Vázquez (Bande). Carmen Leyte, alcaldesa de Cartelle, encabeza a lista ao Senado.


2,75/5 (8 votos)


Comentarios (5)

remexendo #1 28/Xaneiro/2008 remexendo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Polo que se ve a Juncal se quedan dous telediarios como presidente provincial do PP

lunet #2 28/Xaneiro/2008 lunet
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Juncal que vai como número 1 e 2?? Porque precisará dun par de cadeiras no Senado, que é dos que pagan 2 billetes nos avións por tamaño¡¡¡

carmu #3 28/Xaneiro/2008 carmu
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Baixo nivel para o Senado sobre todo, pero xa se ve o que lles importa a todos os partidos

Roquinho #4 28/Xaneiro/2008 Roquinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Como sempre veremos a cantidade de galegos que son capaces de votar a esta forza política que se poidera acabaría con toda a diversidade cultural de España.
Supoño que os Galicia Bilingüe e outras herbas perniciosas desta terra votarán con ardor patriotico os nacionalistas españois a ultranza, con morriña de epocas pasadas cando podian impor os seus ideais sen pudor.
Dan noxo pro por desgraza seguen tendo apoios nesta terra de xentes con pouco amor polo seu, con moi pouca autoestima; agardemos polos tempos que o noso hino pregoa e poidamos desfacernos desta cacicalla ruín e noxenta.

vaites #5 28/Xaneiro/2008 vaites
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a morrinha cúrase, normalmente, con auga e xabrón, nestes casos recomendase escova de arames.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Conde Roa, número dous pola Coruña, e Ana Pastor, cabeza por Pontevedra, son da máxima confianza en Xénova
Conde Roa, número dous pola Coruña, e Ana Pastor, cabeza por Pontevedra, son da máxima confianza en Xénova
A candidatura de Juan Juncal (á dereita na imaxe) ao Senado vese como un primeiro paso para a súa destitución como presidente do PP coruñés
A candidatura de Juan Juncal (á dereita na imaxe) ao Senado vese como un primeiro paso para a súa destitución como presidente do PP coruñés