Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Acordos de reintegración no PPdeG

Ponteareas, Porriño e Sada: a reintegración das escisións na familia 'popular'

No caso da ponteareá Nava Castro, de Unión Condado Paradanta, o pacto para o regreso ao PP inclúe un asento no Congreso.

Redacción - 09:00 29/01/2008
Ramón Rodríguez Ares

Ramón Rodríguez Ares

Hai uns días que lles contabamos que despois da saída de Ramón Rodríguez Ares, promotor do experimento transfuguista de curto percorrido no poder, era probábel a readmisión dos membros do PSDP na disciplina do Partido Popular.

O propio ex alcalde sadense, Ramón Rodríguez Ares, confirmoulle este luns a Europa Press que tanto el coma outros tres edís do Partido Demócrata Sada Popular (PDSP) reingresarán no Partido Popular en apenas "uns días". Ares deu por "absolutamente pechado" o acordo de reintegración das catro actas de concelleiro nas filas populares, aínda que puntualizou que ten que falar con Hernández Cochón, presidente do PP en Sada, para acordar o día en que se fai público de forma formal.

O PDSP conta na actualidade con seis concelleiros en Sada, aínda que dous de eles, María del Mar Fernández e Marcos López, decidiron non solicitar, de momento, o reingreso no PP. Non obstante, a maioría dos afiliados da formación, uns 120, "están de acordo co cambio", segundo asegura Rodríguez Ares. Segundo Ares a integración no PP é necesaria porque "non é igual estar repartido que nunha soa lista". Nese sentido, lamentou non o facer antes das municipais xa que, nese caso, serían "a lista máis votada".

En Ponteareas, o regreso trae "escano" como premio
Máis longa era a traxectoria fóra do PP da Unión Condado Paradanta, liderada inicialmente por Xosé Castro e despois por súa filla, Nava Castro. Ao respecto, o PP de Pontevedra sorprendía este luns ao incluír a Nava Castro no terceiro posto da lista que presenta ao Congreso pola provincia, xusto por tras de Ana Pastor e Xavier Guerra. O propio presidente provincial do PP, Rafael Louzán, recoñeceu que ese agasallo forma parte do pacto para a integración "definitiva" da escindida UCPA no PP, nove anos despois da escisión en Ponteareas.

Por outro lado, no veciño Porriño, a formación Independentes de Porriño (IdeP), é tamén noticia despois de que o ex edil do PP, Gonzalo Ordóñez, recoñecese ser favorábel a unha reintegración do seu partido nas filas populares xa que "non ten sentido que haxa diferentes partidos e todos deben aglutinarse nunha única opción de centro dereita". Louzán tamén confirmou que o acordo está próximo. Non obstante, o voceiro de Independentes por Porriño recoñeceu que "será complicado" que o PP chegue a gobernar nesta localidade durante a presente lexislatura debido á negativa dos outros independentes, Cidadáns por Porriño (CxP), liderados por Nelson Santos, a sumárense a un posíbel pacto.


1/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: