Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COSTA DA MORTE

PSdeG e PP negocian un acordo para gobernar Vimianzo logo do 9-M

Os históricos enfrontamentos entre o alcalde e os nacionalistas e as acusacións de corrupción imposibilitan un pacto.

Redacción - 14:08 31/01/2008

Alexandre Rodríguez Lema é alcalde socialista de Vimianzo dende 1989. Nos últimos anos a súa particular “besta negra” foi o BNG. O nacionalistas denunciaron publicamente en infinidade de ocasións a xestión do rexedor. A empresa de construción pública dun seu irmán tivo un auxe espectacular, algo que non pasou desapercibido para a oposición que tamén sacou á luz intereses en parques eólicos da zona. A Rodríguez Lema tamén lle botan en cara ter colocado no consistorio a familiares directos (outro seu irmán é xefe do Grumir e unha cuñada tamén está vinculada ao concello). A isto hai que sumar as acusacións por irregularidades nas campañas electorais. Por iso, o veterano mandatario de Vimianzo non quere nin ouvir falar do Bloque.

Logo das eleccións municipais (PSdeG, 6; PP, 4; e BNG, 3) os nacionalistas mostráronse dispostos a apoiar o goberno local sempre e cando Rodríguez Lema colgase o bastón de mando e llo facilitase a outro compañeiro de partido. O propio secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, e destacados militantes socialistas da Costa da Morte intentaron convencer ao rexedor para que marchase e facilitase un pacto co Bloque.

Ao non haber acordo, Rodríguez Lema conseguiu sacar adiante diferentes iniciativas grazas ao apoio do PP. Agora dende as dúas formacións están dispostos a dar un paso máis aló e co-gobernar Vimianzo logo das xerais. Mais non todos os concelleiros socialistas están a prol de pactar coa dereita, que aspira en última instancia a facerse coa alcaldía nunha alternancia co actual alcalde, que xa ten 70 anos cumpridos.


3,42/5 (12 votos)


Comentarios (4)

CGB #1 31/Xaneiro/2008 CGB

Parece mentira que sexa un alcalde socialista (no cargo desde 1989)o que por intereses particulares sexa quen de pactar co PP para repartirse as comisións e quitar adiante unhas obras --as da Casa da Cultura-- adxudicadas ao seu irmán. Un triste final para case dúas décadas na alcaldía porque o Sr.Rodríguez Lema pechouse arredor dos euros e agora está sen saída pola porta grande.Non ten opcións: ou se retira ou o retiran (non parece que sexa un candidato polo cal hai que apostar)e que non tarde moito porque poida que se rasque un pouco e teña que sentarse no banquiño dos acusados (prevaricación reiterada...). O tal alcalde prefire que sexa unha nativa de Palencia a que o suceda antes que calquera compañeiro do seu propio partido. Unha peniña que mentras esto sucede o fermoso val de Soneira estea freado e controlado polo fialato da Corporación Túzara dos Albeites,S.A.

AURINEGRO #2 31/Xaneiro/2008 AURINEGRO

O caso de VIMIANZO é patolóxico. Hai un alcalde socialista que leva anos actuando coma se fose membro activo da dereita do PP e recibindo palmadiñas no lombo dos xefes de filas, por exemplo do presidente da Deputación Provincial. Dixo mentira tras mentira cando os veciños quixeron que os singulares PENEDOS DE PASARELA tivesen unha protección especial polo seu valor coma patrimonio natural.El quería unha canteira para que a empresa constructora do seu irmán puidese enchelas beirarrúas da vila coa pedra extraída a uns poucos quilómetros.A cambio da concesión a empresa lalinense entregaría varias toneladas mensuais de pedra a prezo de custe.
Pois ben,agora que está queimado non quere deixar o cargo entre aplausos dos seus senón deixar unha sucesora (ao estilo dun monarca)allea ao seu partido e allea aos problemas de Vimianzo. O que non entendo é que o PSOE, ao que está deixando mal parado,estea calado.Hai quen di que se se fai unha enquisa entre os votantes socialistas habería un 90% de apoios para un pacto co BNG no que o alcalde sexa socialista.

Brais #3 31/Xaneiro/2008 Brais

O que está claro é que os partidos deixan entrar a calquera. Cantos alcaldes do PSOE saben dicir máis de tres frases sobre Pablo Iglesias, cantos concelleiros do BNG leron O sempre en galiza que tanto din que si? Co do PP xa nin se me ocorre... Quero dicir que pode haber casos nos que un tipo chegue ao poder e cambie por diferentes razóns. Mais en moitos casos os responsábeis de "fichar" políticos polos concellos impórtalles un nabo a ideoloxía do paisano.

Así un pode ser alcalde socialista e defender postulados máis aló do PP e casos parecidos nos demais partidos. En fin...

NOVOGARDEL #4 31/Xaneiro/2008 NOVOGARDEL

Pola COSTA DA MORTE hai tempo que se deixou de considerar persoa ao actual alcalde de Vimianzo. Un ignorante, vengativo, mentireiro e sobre todo unha mala persoa. Acostumado a dicir calquera cousa (con frases históricas:as pedras son pedras, as pedras non se comen) sen que ninguén lle prestase moita atención porque dicían Alejandro é así.Recalco o de mala persoa porque ninguén normal e menos a un mandatario se lle ocorre mentirlle aos veciños da súa propia parroquia. Foi no asunto dos penedos (que están en Pasarela)cando quería a canteira por enriba do que fose. Xente que sempre o votara quedouse de "pedra" ao comprobar que estaba adebecido pola canteira para encher de euros as arcas da Sociedade Familiar dos Alveites. O actual alcalde é o pasado. Rematou asulagado na lama cando lle entregou o concello ao PP. Morreu politicamente. Non ten o respaldo dos seus e cando isto sucede hai que ser xente e saír coa fronte alta.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: