ADEGA ven de comprobar como nas instalacións da cementeira que a empresa "COSMOS S.A." ten na localidade luguesa de Oural, atópase depositado en espera de ser incinerado un material de natureza descoñecida. O aspeito externo e a textura é moi similar á que presentaría un compost de ínfima calidade, fabricado a partir de RSUs ou misturado con lamas de depuradora, cunha grande porcentaxe de impropios (fragmentos de diversos tipos de plásticos) que mesmo son observábeis a simples vista.
A incineración de plásticos e en xeral de residuos sólidos urbanos en cementeiras coma a de Oural ou prantas termoeléctricas como a de SOGAMA, é unha das principais fontes de contaminantes químicos como dioxinas, furanos, benceno, HAPs, metais pesados volátiles..., compostos altamente tóxicos que rematan inseríndose na cadea trófica e acumulándose nos organismos.
ADEGA ven de denunciar ante o SEPRONA estes feitos por canto poden constituir unha importante fonte de contaminación ambiental e risco para a saúde da poboación, máxime despois de que o TSXG denegara a autorización á cementeira para queimar pneumáticos. Os argumentos usados polo alto tribunal na súa sentenza son perfectamente aplicábeis a este caso, e por iso esiximos a paralización inmediata desta actividade e a apertura dunha investigación por parte da Fiscalía de Medio Ambiente.
De confirmarse que estes materiais proceden da transformación de RSUs nalgunha instalación de tratamento, que ben podería ser a planta de Nostián, na Coruña, estes feitos constituirían unha fraude á cidadanía ao "desviar" cara a incineración residuos urbanos cuxo prncipal destino é utilización como abono. O feito de que a calidade do compost producido en nalgunhas plantas sexa bastante baixa, non se debe a eivas na tecnoloxía de compostaxe, amplamente desenvolvida e optimizada en moitos países de Europa, senón a unha deficiente recollida selectiva e/ou concienciación cidadá.
Non podemos permitir que cando o novo Plano Galego de Residuos Urbanos pretende facer da compostaxe (en especial da compostaxe anaerobia, modelo Nostián) o cerne do sistema de tratamento dos RSUs, alternativo á incineración, se acaben "varrendo baixo a alfombra" determinados residuos para agochar unha falla de compromiso real coa filosofía dos "3Rs". A concienciación cidadá e o compromiso social cunha separación en orixe de calidade é chave para o éxito dun sistema máis ecolóxico na xestión dos refugallos alternativo á incineración. Neste senso, agardamos que os programas de redución e educación ambiental teñan o protagonismo que lles corresponde (con dotación material e orzamentaria) no novo Plano Galego de Xestión de RSUs.