Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Touriño critica a "presión sindical"

A Xunta non atenderá as queixas do persoal de Salvamento Marítimo

O PPdeG faise eco do descontento do sindicato de pilotos por un exceso de horas do que din que causa "riscos adicionais" para rescatadores e rescatados.

Redacción - 09:00 01/02/2008

"O servizo funciona", subliñou Emilio Pérez Touriño ao respecto do funcionamento do Servizo de Salvamento Marítimo. O presidente do Goberno explicou que non se vai modificar a organización actual malia o que cualificou de "presión sindical", logo das queixas do Sindicato Español de Pilotos de Liñas Aéreas, SEPLA. Os pilotos advertiran esta semana da inexistencia de tripulacións "suficientes" para cubrir eficazmente o servizo durante as 24 horas do día e os 365 días do ano. Con todo, Pérez Touriño asegurou que a Consellaría de Pesca daralle "as respostas necesarias" a un servizo que debe "mellorar permanentemente", pero indicou que "non ante a presión sindical".

O Grupo Parlamentario do PPdeG facíase eco este xoves das queixas dos traballadores de Salvamento Marítimo e denunciaba que as condicións de funcionamento regulamentadas pola Xunta na concesión deste servizo á empresa Helicsa "levan tempo sendo quebrantadas reiteradamente pola empresa". O voceiro de Pesca dos populares, Xosé Manuel Balseiro, referiuse ao exceso de horas de traballo de cada tripulante e sinalou que son os propios traballadores os que suplen as baixas que causan os seus compañeiros por causas heteroxéneas como enfermidades, asuntos propios ou permisos de paternidade.

Como exemplo, Balseiro reprobou que na base de Celeiro se está a traballar cun piloto menos na súa tripulación e asegurou que dende hai un ano e medio teñen tamén un rescatador menos do que deberían. Ademais do "incumprimento" dos períodos de descanso, o PPdeG revelou que as "vulneracións" da empresa concesionaria inclúen o traslado das tripulacións adscritas ás bases galegas e a outras de salvamento de Sasemar, "deixando sen efectivos ás bases de Vigo e Celeiro".


0/5 (0 votos)

Comentarios (2)

Tino #1 1/Febreiro/2008 Tino

Foi o PP o q creou esta fandangada e agora faise defensor dos traballadores?
A ver, traian Atolidón para a cabeza; a algúns déanlle ración dobre!

Jatopardo #2 1/Febreiro/2008 Jatopardo

Eu non sei as condicións dos pilotos dos helicópteros. Agora ben, coñezo a algún que traballa nas lanchas de Salvamento Marítimo e as súas condicións laborais xa lle gustarían ao 99% dos traballadores. O tema é, traballan durante uns días seguidos nos que teñen que estar localizados por se hai unha emerxencia, e despois danlle libres os mesmos días que estiveron traballando. É dicir, se traballan 15 días seguidos, danlle libres outros 15 días. Se traballan 10 días seguidos, danlle libres 10 días. Polo tanto teñen ¡6 meses de vacacións ao ano!!!

Coméntame un amigo que traballa nunha destas lanchas, "tiven moitos traballos, pero este é o choio da miña vida"

¿E agora se queixan? Eu non entendo nada. ¿E o PP que carallo fai metendo o narís nisto? polo carallo se preocupan tanto polos da construción ou polos que están a sachar leiras.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: