Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

Silencios covardes

Os bispos volven a falar desde a saudade de tempos pretéritos e unha visión moi particular das relacións entre a Igrexa e a sociedade.

Redacción - 18:33 01/02/2008

Non ten razón López Garrido cando lle retruca aos bispos que se non se pode votar a ningún partido que negocie cos terroristas, daquela non se pode votar a ningún partido en absoluto, xa que todos os presidentes de goberno español intentaron no pasado a vía da negociación, como, por outra parte, é normal. E non ten razón porque non todos gobernaron e si hai, desde logo, partidos de ultradereita que nunca negociarían, senón que optarían polo estado de sitio e quentar a albarda. Xa Fernando Sebastián, bispo de Pamplona, aconsellou recentemente considerar en serio apoiar a Falanxe e demais conxéneres, por máis que, anos antes, outro monseñor, pero este vasco, Uriarte, fixese de mediador con ETA, porque a Paz sempre é un ben superior ás nosas ideoloxías.
Hai unha terrible continuidade entre a impostura da Igrexa nos funerais por Pinochet e a posición desde a que monseñor Camino fala aos xornalistas. No fondo está esa pretensión de que unha concepción integrista –e xa que logo anticristiá– da fe e da cultura católica teña o dereito e o deber de apadriñar moralmente a toda a sociedade, facéndose voceira dunha moral única, que ten a exclusiva para desvelar o que está “inscrito na natureza humana”.
E no fondo, tamén, un medo pánico a quedar sen función nunha sociedade secularizada e autónoma, como se a vida da fe e a construción de comunidades só fose posible para eles desde o poder, a prepotencia e o privilexio.
Non é tempo de apaños, nin de calar por aquilo de que a razón nunca está “toda dunha beira”. É por iso que estamos xa botando moito a faltar a voz de sacerdotes e outra “xente de igrexa” que sabemos que está desconforme con esta situación extremista na que os bispos parecen os voceiros de avinagrados xornalistas da COPE. O medo é libre, pero a xente merece que se escoiten outras voces temperadas e sensatas. Ulas?


5/5 (12 votos)