Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Actualidade

Por unha TERRA VIVA e unha VIDA DIGNA para tod@s

Que é a rede Galiza non se vende? É, nin máis nin menos, ca un florecemento de vida cidadá, asociativa e social que vén camiñando e medrando no noso país dende hai uns meses.

Alfonso Mascuñana Bordas - 19:01 01/02/2008

Como foi agromando?

 A partir de colectivos heteroxéneos: veciñais, ecolóxicos, etc. que senten que a desfeita do territorio en Galiza, non ten mudado substancialmente nos últimos anos. E que senten tamén que Territorio é moito máis ca un anaco illado de terreo expoliado polo escuro e poderoso interese dos grupos que teñen moito poder e moitos cartos, (e cobizan aínda máis: só conta a rendibilidade), e aos cales a Administración non é quen de frear e encauzar cara ao ben do común da poboación e cara a outro modelo de desenvolvemento.


Cal é o reflexo concreto desta situación?

Hai moitos. Podemos sinalar o urbanismo salvaxe, a marbellización do litoral, os recheos e contaminación das rías, a degradación dos ríos, o plan acuícola devastador, o plan de portos deportivos, o modelo de transporte e mobilidade insustentábel,os campos de golf, encoros, parques eólicos indiscriminados, a minaría a ceo aberto e destrutiva, as instalacións que supoñen unha ameaza directa para a poboación, a destrución do medio rural, dos espazos protexidos e do patrimonio cultural, paseos marítimos e fluviais ríxidos...

Por que Galiza non se vende supón un rexurdimento esperanzador?

Porque é un chanzo máis do que no seu día tamén supuxo a mobilización en torno ao Prestige, facendo medrar a nosa estima como pobo galego. Porque supera o localismo dos problemas (acotío moi ferintes para colectivos concretos) elevándoos á categoría global, de País e de Planeta. Porque sinala co dedo, e vai axudando a descubrir, que a raizame de cada problema e de cada situación de desfeita ambiental local é a mesma, é única, e o poder político e os medios de comunicación tradicionais son reféns dela e mesmo manipuladores da opinión pública. Porque ten unha filosofía organizativa de democracia participativa dende abaixo. Porque dá unha capacidade mobilizadora e pedagóxica á cidadanía, a colectivos veciñais que expresan contundentemente a verdade e a razón do que ten que ser e do que pode que ser o presente e o futuro soñado, expresado dun modo imaxinativo e concreto. As mobilizacións que se teñen levado a cabo pola veciñanza de Corrubedo, de Ferrol, de Merexo, de Muxía, de Camelle, etc. etc. son exemplos diso. Porque ao mesmo tempo amosan que outra forma de vida é posible, e amósano sen complexos, fronte ao poderoso poder das multinacionais, dos pactos ocultos, dos pactos dos grandes medios de comunicación tradicionais e do “políticamente correcto”.


Cantos colectivos compoñen a rede?

 Actualmente, corenta e cinco colectivos galegos que teñen un xeito de comunicación e de organización a través da páxina galizanonsevende.org onde calquera pode participar.


A que convocan os colectivos o día17 de febreiro en Compostela?

 
A unha mobilización festiva de toda Galiza que nos faga revivir o mellor alento de Nunca Máis. Desculpade lectoras e lectores de Irimia este xeito preguntoiro de comunicar o que sei e tiña intención de dicir sobre Galicia non se vende. Así saíu. Reflexionade e participade.


5/5 (7 votos)